Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG congratúlase polo acordo acadado entre os cinco grupos parlamentarios para o funcionamento da Deputación Permanente

05 May 2020

Santiago, 4 de maio de 2020.- Os cinco grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia veñen de rexistrar unha proposta conxunta e consensuada na que se habilita e concreta o traballo que desenvolverá a Deputación Permanente, de forma extraordinaria e con motivo da cancelación da convocatoria electoral pola crise sanitaria do Covid 19, e á espera da nova convocatoria de eleccións en Galicia.

 

O Grupo Popular congratúlase polo acordo acadado, que en síntese permite ao Parlamento galego recuperar a totalidade da actividade de control no Pleno que se realizaba nos períodos ordinarios. Esta actividade verase incrementada dado que o Presidente da Xunta comparecerá dúas veces cada mes (cando antes unicamente contestaba ás preguntas dos portavoces en cada Pleno) e os membros do Goberno estarán suxeitos ao control parlamentario semanalmente, e non quincenalmente como ocorría nas sesións plenarias antes da disolución do Parlamento. Deste xeito, e dada a excepcionalidade da situación, a Deputación Permanente asumirá, con maior intensidade, a súa labor de control ao Goberno galego.

 

SITUACIÓN EXCEPCIONAL

 

Desde o primeiro momento, o Grupo Popular defendeu a necesidade de lograr un acordo que permitise actuar ao Parlamento galego nunha situación excepcional, na que ás dificultades implícitas na pandemia (que obrigaron a reducir o traballo das Cortes Xerais e de todos os parlamentos autonómicos, chegando incluso á suspensión total da actividade en cámaras en pleno exercicio das súas competencias) sumouse o feito de estar convocadas as eleccións autonómicas en Galicia, coa conseguinte disolución da súa Cámara de representantes.

 

As comparecencias xa substanciadas do Presidente da Xunta e de seis conselleiros, que son equiparables ou superan ás realizadas noutros parlamentos autonómicos que non están, como o galego, disoltos, son boa proba do compromiso do Grupo Popular e do Goberno autonómico co funcionamento do Parlamento de Galicia.

 

O acordo acadado permite reactivar con carácter periódico a actividade parlamentaria, de forma congruente coa propia natureza da Deputación Permanente e coa súa configuración regulamentaria (que atribúe a este órgano do Parlamento galego a función de “velar polos poderes da Cámara”, pero non de exercitalos, o que exclúe a actividade lexislativa, a de impulso e toda a que se desenvolve a través das comisións, tanto as permanentes como as non permanentes).