Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Puy salienta que as contas para o 2016 son "expansivas e alixeiran a carga fiscal"

22 Dic 2015


PEDRO PUY AFIRMA QUE OS PRESUPOSTOS PARA 2016 SON OS AXEITADOS PARA CONSEGUIR UNHA SOCIEDADE QUE CREZA ECONOMICAMENTE,  MÁIS XUSTA E QUE PROVEA DE BENS PÚBLICOS”



·    “Son expansivos de verdade, porque non só se incrementa o gasto público en máis de 360 millóns de euros, senón que ademais os cidadáns van ter máis recursos cos que consumir e investir”, explicou



·    Asegurou que os orzamentos reflicten unha situación política de estabilidade, dun goberno solidario, que permite traer as contas e aprobalas no seu momento e son as que lle conveñen  á economía galega”



Santiago, 22 de decembro de 2015.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe no debate para a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2016 que estas contas “expansivas, que alixeiran a carga fiscal aos cidadáns, que soben notablemente o gasto social e reducen o endebedamento da Comunidade autónoma, son as axeitadas como expresión da vontade política para conseguir unha sociedade que creza economicamente, que sexa máis xusta e que provea de bens públicos a todos os galegos”.



Puy subliñou que se trata dos “primeiros orzamentos expansivos desde a crise”. “Son expansivos de verdade, porque non só se incrementa o gasto público en máis de 360 millóns de euros, senón que ademais os cidadáns van ter máis recursos cos que consumir e investir”, explicou.



Na súa  intervención, Pedro Puy apuntou que os orzamentos configuran un “círculo de economía virtuosa, con 500 millóns máis do sistema de financiamento autonómico comprometidos polo Estado; os fondos europeos achegan 100 millóns máis; e o Estado introduciu un sistema de facilidade financeira para as comunidades que cumpriron o déficit polo que se permite pagar tipo de xuro cero pola débeda, o que supón un aforro para a Xunta de 65 millóns de euros”.



“En total son máis de 600 millóns de euros que a Xunta lle devolve aos cidadáns diminuíndo a presión fiscal no IRPF de xeito progresivo ou axudando a capitalizar ás familias, xa que por baixo de 400.000 euros non se vai pagar o imposto de sucesións”, indicou.



EXPANSIVOS TAMÉN NO GASTO



O portavoz popular tamén sinalou que os orzamentos son expansivos polo lado do gasto, e a modo de exemplo lembrou que soben 100 millóns de euros en sanidade, 92 en educación, 69 en políticas sociais e 17 en fondos de emprego.



“Este orzamento reflicte unha situación política de estabilidade, dun goberno solidario, que permite traer as contas e aprobalas no seu momento e son as que lle conveñen  á economía galega”, manifestou.



Pedro Puy puxo de manifesto que no contexto económico se teñen producido moitas novas desde a presentación destes orzamentos” e salientou que Galicia crece ao 2,1 por cento anual e todas as análises coinciden que se vai cumprir o obxectivo de déficit; o desemprego está a baixar; Galicia rebasa o millón de empregos a tempo completo por vez primeira desde 2011; os traballadores afectados por ERE están descendendo un 40 por cento; as empresas galegas volven ganar cartos logo de reducir nun 66 por cento os seus números vermellos; ou a produción industrial subiu un 5,5 por cento en outubro.



EMENDAS ALLEAS Á SITUACIÓN ECONÓMICA



Deste xeito, criticou á oposición porque “están plantexando unhas emendas a uns orzamentos que son alleas á situación económica real”. “Con estas taxas de crecemento estamos nunha situación totalmente distinta á que describiron os portavoces da oposición”, xa que “é difícil recoñecer que as cousas van ben despois de dicir durante anos que ían ir peor”. Neste sentido, rexeitou o cualificativo de “electoralistas” para este orzamentos, xa que recordou que distintos informes de Fedea, o Ministerio de Facenda, o Tribunal de Contas ou a AIrEF confirman que se están a cumprir os ingresos, o déficit e os obxectivos de estabilidade.



Pedro Puy afirmou que na política económica se toman decisións “para conseguir determinados obxectivos: garantir o crecemento e estabilidade da economía, conseguir obxectivos redistributivos e mellorar a asignación de recursos na previsión de bens públicos”. Deste xeito, apuntou que os orzamentos reflicten “a situación de moitos conflitos sociais e a resposta que se lle da desde o poder político aos problemas da sociedade”.

Síguenos nas redes sociais