Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

A nova Lei de transparencia sitúa a Galicia nunha posición pioneira a nivel nacional

23 Dic 2015

Contou co voto favorable dos grupos popular e socialista, xunto coa abstención do resto dos grupos parlamentarios



O PARLAMENTO APROBA A LEI DE TRANSPARENCIA E BO GOBERNO, PIONEIRA EN ESPAÑA NO ACCESO DOS CIDADÁNS Á INFORMACIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS E DOS ALTOS CARGOS



·    Ademais das sete emendas do PP, o texto definitivo incorpora máis do 60% das emendas do PSOE, case a metade das do BNG, máis dun 20% do Grupo Mixto e un 12% de AGE



Santiago, 23 de decembro de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto favorable do Grupo Popular e do PSOE, e a abstención do resto dos grupos parlamentarios, a Lei de transparencia e bo goberno, que sitúa a Galicia nunha posición pioneira a nivel nacional no referente ao acceso dos cidadáns á información sobre o que se fai nas administracións públicas e o patrimonio e actividade dos altos cargos. A portavoz de Administracións Públicas, Paula Prado, salientou “o consenso” conseguido nesta lei, que “foi mudada con aportacións e coa xenerosidade de todos os grupos”.



Paula Prado explicou que as sete emendas do Grupo Popular incorporadas ao proxecto de lei “contribuíron a ampliar o abano de documentos que teñen que facerse públicos cunha aportación importante: o plan estratéxico”. “É fundamental que a planificación plurianual da Xunta teña que ser pública, polo que blindamos a súa dispoñibilidade pública para que toda a cidadanía poida coñecer e avaliar este Plan”, indicou.



INDEPENDENCIA E EFICACIA DO VALEDOR DO POBO



Así mesmo, as emendas populares reforzaron a independencia e a eficacia do órgano controlador dos mandatos desta lei: a institución do Valedor do Pobo, á que se dota de máis medios e de apoio a través dun órgano colexiado para que poida cumprir a importante misión que se lle encomenda.



“Pero ademais destas emendas, o Grupo Popular apoiou a incorporación ao texto lexislativo, ben directa ou a través de transacción, de máis do 60 por cento das emendas do PSOE, case a metade do BNG, máis dun 20 por cento do Grupo Mixto e un 12 por cento de AGE”, concretou Prado.



METADE DE ARTIGOS ENGADIDOS OU MODIFICADOS



Deste xeito, a portavoz popular subliñou que o resultado “é unha lei cun amplo acordo, logo de que a metade dos seus 62 artigos e 15 disposicións foran engadidos ou modificados durante o trámite parlamentario”. “Sentímonos orgullosos dun texto elaborado escoitando á cidadanía: en primeiro lugar e con carácter previo á elaboración a través do buzón de suxestións da Xunta e, en segundo lugar, a través dos seus representantes neste Parlamento e incorporando boa parte das súas propostas”, dixo.



Paula Prado lembrou que o Partido Popular “considera importante dotar de máis transparencia ao traballo que se fai desde as administracións públicas” e como mostra manifestou o apoio do PP á Lei de transparencia aprobada en 2006 en época do Goberno bipartito, “a pesar de que considerábamos que había cousas mellorables”. Así, salientou que o Partido Popular “nunca votou en contra dunha lei de transparencia e somos o único grupo político que pode dicir isto con orgullo”.

Síguenos nas redes sociais