Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado cre que Pablo Iglesias humilla a Beiras “facéndoo saír pola porta de atrás"

27 Jul 2016

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, ofreceu no día de hoxe unha rolda de prensa na que quixo valorar os pasos dados polas distintas opcións políticas que confrontarán nas urnas no outono.

Ante a presunta designación do candidato das Mareas, Tellado valorou o papel xogado por Xosé Manuel Beiras. Considerou que mentres “el leva anos dicindo que estaba a escribir o seu epílogo político, en realidade o que se está a escribir é o seu epitafio e estano a escribir outros por el”. A eses outros identificounos nas tres persoas que en 2009 “sacárono do retiro académico”: Martiño Noriega, Yolanda Díaz e “un asesor que viña dende Madrid e que se chamaba Pablo Iglesias”.

Tras relatar cómo “desgastaron a Beiras para non desgastarse eles” e “encargáronlle xestionar un grupo parlamentario que se caía a cachos”, Tellado lembrou que os tres conseguiron os seus obxectivos: “Martiño Noriega é alcalde de Santiago, Yolanda Díaz conseguiu o seu gran obxectivo que era ser deputada no Congreso e Pablo Iglesias montou o seu partido político coas notas que tomou naquel experimento protagonizado por Beiras”.

O secretario xeral lembrou que “unha vez logrados os seus obxectivos, Beiras é abandonado e se lle obriga a humillarse e saír pola porta de atrás dun proxecto ao que el lle puxo cara en 2012”. “Todo ese desgaste persoal, de imaxe pública e de prestixio” ao que foi sometido Beiras, sinala Tellado, “sáldase con ningún beneficio para el e co máximo aproveitamento por parte de Noriega, Díaz e Iglesias”.

AS MAREAS, DIRIXIDAS DENDE MADRID

Porén, explicou Tellado, as informacións apuntan a que estes diálogos rematarán “cun auténtico dedazo dende Madrid, dende o despacho do señor Pablo Iglesias” para elixir o candidato das Mareas.

“Cada vez queda máis demostrado que as Mareas non son un proxecto político galego senón que son a marca branca, a franquicia de Pablo Iglesias en Galicia”, subliñou o secretario xeral.

Tellado destacou que a presunta elección de Luis Villares como candidato das Mareas non é “moi acorde cos principios asemblearios que reivindicaban as Mareas e o 15-M” senón que xorde “dunha mesa camilla entre tres alcaldes que invocan a Pablo Iglesias mediante whatsapp para que lles envíe o icono do pulgar cara arriba indicando que é o seu candidato”.

O número dous do PPdeG considerou que tras descartar a Beiras e a Yolanda Díaz, Luis Villares é o “Plan C que non gusta a ninguén pero tampouco enfada a ninguén”, unha solución lóxica para “un partido en conflito permanente como as Mareas”.

O PPDEG, A PÉ DE RÚA

O número dous dos populares quixo o proxecto das Mareas “que aínda non sabe cómo se vai presentar, cantos van ser nin con que proxecto” co proceso de diálogo de Feijóo coa cidadanía. Sinalou que a Marea “é incapaz de manter este diálogo tranquilo coa xente que está a facer Feijóo porque a cambio o que ten son diálogos internos que son de todo menos tranquilos”.

En contraste, Tellado destacou que o PPdeG ten retomado a xira “A Galicia que ti queres”, levando a Feijóo a Fene, Narón e Cabanas nos últimos días, a Valga e Pontecesures hoxe mesmo e “a outros tres ou catro concellos das provincias de Ourense e Pontevedra” nesta fin de semana.

O PPdeG está traballando, segundo o seu número dous, “a pé de rúa para atoparnos cos galegos, coñecer as súas propostas e as súas inquedanzas e para que, con todo iso, sexamos quen de poñer en marcha un programa de goberno para os próximos catro anos que responda ás principais preocupacións da cidadanía”.

Tellado lembrou que o partido ten xa traballando tanto ao seu equipo redactor do programa como ao seu comité de campaña, o que permite a Feijóo seguir “conversando coa cidadanía galega” coa tranquilidade de “ter a maquinaria en marcha”.

Síguenos nas redes sociais