Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo: "Aos galegos que queren goberno estable e inconformista só lles vale o PPdeG"

23 Ago 2016

Arnoia, 23 de agosto de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que á maioría de galegos que queren un goberno estable, responsable e inconformista só lle vale a opción do Partido Popular de Galicia, do mesmo xeito que os populares tamén son a única papeleta para evitar que a suma de catro ou cinco partidos impidan ese goberno.

Así, indicou que, mentres hai outras formacións que teñen como máxima ambición ser a segunda forza política ou que aspiran a non desaparecer, a ambición do PPdeG é seguir mellorando Galicia e, por iso, teñen que traballar coa máxima enerxía nas próximas semanas para que a comunidade non perda a súa e non deixe de avanzar.
Durante a Xunta Directiva do PP de Ourense na que se presentou a candidatura desta provincia para as vindeiras eleccións autonómicas, Feijóo precisou que os populares tamén teñen unha dobre certeza que os empuxa: a de que van gañar e a de que hai unha maioría que quere que gañen e que gobernen. Malia isto, advertiu que non será suficiente se esa maioría non se manifesta nas urnas, polo que deberán transmitirlles aos cidadáns que cada voto ten consecuencias e que, do mesmo xeito que non todo está feito para Galicia, tampouco todo está feito para a noite electoral.
Por este motivo, o número un do PPdeG apuntou que piden o apoio a esa inmensa maioría coa razón da humildade, sabendo que aínda poden chegar moito máis lonxe; e coa razón dos feitos que proban que, con eles, Galicia xa está indo cara adiante.  

NON CAMBIAR GALICIA POR NADA

Segundo afirmou Feijóo, a nosa comunidade é o que une e o que motiva ao PPdeG, que marca a diferenza sendo “o único equipo unido en Galicia e unido a Galicia”. “Síntome orgulloso de encabezar a lista do único proxecto que sente Galicia, que pensa en Galicia e que fai esta campaña desde Galicia”, engadiu.
Do mesmo modo, subliñou que se sinte orgulloso de que non haxa ningún compañeiro mirando de reollo a outro, nin persoas pedindo que organicen as listas desde Madrid ou perdendo o tempo en “puentearse” uns aos outros.

 “Non cambiamos Galicia por nada”, asegurou o dirixente explicando que os únicos problemas que os deben ocupar son os que preocupan no día a día aos cidadáns e que todo o seu tempo é para a nosa comunidade.

FALAR COS CIDADÁNS


O presidente apuntou que o primordial en calquera proceso electoral é falar coa cidadanía, algo que o populares fan tamén cando non están en campaña pois, a diferenza dos seus rivais políticos, non teñen que coñecer Galicia nun curso rápido nin que darse a coñecer porque levan todo este tempo traballando por ela e con ela.

Así, lembrou cando percorreu todos os concellos como líder da oposición, cando quixo manter encontros de ti a ti ao ser elixido presidente da Xunta e como agora, que decidiu volver presentarme, volveu novamente a percorrer as comarcas galegas.

De igual modo, sinalou que tamén deben facer balance cos cidadáns e explicarlles que estiveron loitando contra a crise e lograron comezar a superala, que cando adoptaron algunha decisión que non gustaron a todos foi porque preferiron desgastarse eles antes que ao país, ou que os datos positivos que hai agora danlles a razón e por iso piden que llela dean tamén nas urnas, posto que non se conforman con deixar o traballo e medias e queren lograr o que aínda falta por conseguir.

Desta forma, Feijóo insistiu en que non se conforma con que en Galicia creza a economía e baixe o paro; con que melloren os servizos públicos e a percepción que os cidadáns teñen deles; con que haxa sectores estratéxicos como o naval ou a automoción recuperándose ou abríndose camiño como o aeronáutico; nin con dar novas oportunidades ás familias que teñen un fillo ou que renovan o seu fogar.

“Non me presento ás eleccións negando o que entre todos logramos en Galicia senón afirmando o que nos queda por facer”, aseverou namentres indicaba que a autocrítica e o inconformismo do seu partido estará no seu programa electoral, “nun proxecto para que os próximos catro anos Galicia siga mellorando con maior intensidade”.

Igualmente, o líder dos populares galegos precisou que, se foron quen de que a nosa comunidade fose a mellor durante a crise e cando comezou a recuperación, con máis motivo serán capaces de que mellore a un ritmo aínda maior agora que o crecemento se espera máis intenso; facendo fincapé tamén en que a súa proposta é seguir avanzando cara o futuro e sumar a favor de Galicia.

Síguenos nas redes sociais