Puy:"É momento de apoiar ao operativo loita contra o lume e da colaboración cidadá"

25 Ago 2016

Santiago, 25 de agosto de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, subliñou hoxe na Deputación Permanente do Parlamento a “fonda preocupación do Partido Popular polo problema dos lumes forestais” e manifestou que “é o momento de apoiar aos traballadores, forzas de seguridade, exercito e responsables do operativo que están a loitar contra os incendios e os incendiarios; de pedir colaboración cidadá para que axude a detectar aos que prenden lume ao monte; e para a cooperación entre as institucións”.

Puy considerou inoportuno “abrir un debate sobre os incendios forestais cando aínda non concluíu a campaña”. Neste sentido, lembrou que o propio alcalde de Santiago agradeceu a pronta resposta da Consellería do Medio Rural para buscar solucións aos problemas causados polos incendios neste municipio e apuntou que “esa é a actitude que hai que ter nestes momentos e non traer ao Parlamento un debate antes de que remate a campaña de lumes forestais”.

Na súa intervención, o portavoz popular reiterou a “preocupación do PPdeG polos incendios forestais, que afectan á biodiversidade ocasionando erosión no solo, problemas nas augas dos acuíferos, rías e ríos; e contaminación do aire, ademais doutras perdas económicas”.

O MES MÁIS CÁLIDO E SECO

Altas temperaturas, ventos fortes e actividade dos incendiarios axudaron á propagación dos incendios forestais durante a segunda semana do mes de agosto en Galicia, cando se sofocaron 193 lumes. “Isto demostra que o operativo funciona e é eficiente”, apuntou.

A modo de exemplo, Puy lembrou que Portugal, cunha extensión de 92.391 quilómetros cadrados rexistrou nesa mesma semana 3.213 incendios forestais que arrasaron 102.000 hectáreas. “En Galicia, foron menos de 10.000 as hectáreas afectadas polos incendios nesas mesmas fechas, é dicir, a décima parte que en Portugal tendo un terzo da súa extensión”, sinalou.

Así mesmo, fixo unha comparativa cos incendios rexistrados no ano 2006, cando arderan máis de 90.000 hectáreas, o 820 por cento máis que no presente ano. A media de lumes forestais anuais rexistrados no período 2005-2009 foi de 5.729, fronte a 3.609 do período 2010-2015, unha diferenza que tamén se reflexa na superficie queimada: 35.523 hectareas de media anual no período 2005-2009 fronte a 17.748 en 2010-2015.

Pedro Puy lamentou que a oposición incidira en que o monte non se limpa porque “o certo é que estanse a producir incendios en montes limpos e ordenados”, como aconteceu na provincia de Pontevedra, onde das máis de 4.000 hectáreas que arderon, arredor de 3.300 eran de monte produtivo.

O portavoz popular afirmou que xa está en marcha a revisión do Plan Forestal de Galicia, “no que esperamos que contribúan durante a vindeira lexislatura”. Este plan, que busca harmonizar os sistemas forestais, xerar oportunidades de actividade económica no monte galego, conseguir unha actividade forestal competitiva e procurar un desenvolvemento socioeconómico sustentable, conta coa participación de representantes da Administración autonómica, universidades galegas, propietarios, empresas, colexios profesionais, grupos ecoloxistas e sindicatos.

Síguenos nas redes sociais