Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo, sobre o balance do Goberno do PPdeG na Xunta: “O meu discurso é o meu traballo”

26 Ago 2016

Castro de Rei, 26 de agosto de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, clausurou esta mañá a presentación do balance do Goberno do PPdeG na Xunta asegurando que o seu discurso é o seu traballo. “O meu discurso é o que fixemos. O meu discurso é o que propoño a Galicia que sigamos facendo xuntos”, recalcou.


Durante a súa intervención, o dirixente salientou que a credibilidade non se consigue só polo que se di senón polo que se fai. Nese senso, subliñou que hai quen pensa que gobernar consiste en predicar ou xulgar cando é decidir polo ben común; que hai quen considera que unha ideoloxía entra en 140 caracteres cando en Galicia farían falta 2,8 millones de twitters; ou quen cre que facer política é como rodar unha película de ciencia ficción cando a política é “xustamente o contrario”: feitos de verdade e persoas de verdade.

 

De igual modo, lembrou que os populares sempre lle dixeron a verdade aos galegos e por iso poden seguirlles pedindo que crean neles “porque en nós terán resposta ás expectativas de progreso e benestar”.

 

“Presenteime en 2012 porque había unha Galicia mellor que a de 2009. Preséntome este 2016 porque obxectivamente Galicia está mellor que en 2012. Pero preséntome tamén porque creo Galicia aínda pode estar mellor no ano 2020”, enfatizou.

 

FÁLASE FACENDO


O presidente puxo en valor que a maneira dos populares de dirixirse aos cidadáns é cos feitos e a súa forma de convencelos é cun goberno que funcione, non divagando e moito menos discutindo. “A nosa maneira de falar coas galegas e cos galegos é como falan eles: falar facendo”

 

Así, segundo aseverou, fálase facendo para que haxa novas oportunidades de emprego e medre a economía; para que se eliminen impostos como o de sucesións e no rural, e se baixen os demais; facendo que todos os pais teñan máis escolas infantís que nunca ou que sete de cada dez galegos teñan este ano un novo hospital público ou centro de saúde novo ou renovado.

 

Do mesmo xeito, indicou que se fala facendo melloras nun de cada tres centros de ensino públicos, máis investimentos que en ningún outro lugar de España, controlando mellor a débeda que en ningures e triplicando o número de dependentes atendidos.

 

VER PARA QUERER


Feijóo apuntou tamén que se pide novamente aos galegos a súa confianza non é por unha cuestión de fe. “Pídolles a súa confianza porque, poden ver para querer”, dixo.

 

Nese senso, recalcou que calquera pode ver que Galicia se está abrindo a novos sectores produtivos como o aeronáutico; que a recuperación xa non é unha esperanza senón unha realidade para os 1.000 novos traballadores da automoción; que onde hai catro anos había unha crise sen precedentes no sector naval, agora hai 3.000 millóns de euros en novos pedidos ou que hai o triplo de mozos que hai un ano dispostos a incorporarse a unha actividade agraria.

 

Igualmente, sinalou que podemos ver que está asegurado o liderado da comunidade no sector do mar; que hoxe hai menos esperas na Sanidade Pública ou que está en marcha o maior investimento tecnolóxico nos hospitais públicos; que hai máis nenos que nunca estudando un idioma ademais do galego e do castelán, que é en Galicia onde hai máis profesores por alumno e as taxas universitarias máis baratas; onde máis se apoia á infancia; onde hai o triplo de prazas en residencias e centros de día ou onde o 80 % dos dependentes son atendidos por un servizo profesional e non por un familiar.

 

Así, Feijóo explicou que ver permite querer pero tamén crer, “e os galegos ven, queren querer e queren crer que, con nós, Galicia pode seguir avanzando”. “Calquera pode ver que nos presentamos a estas eleccións con feitos”, expresou Feijóo, quen tamén remarcou que o balance do Goberno dos populares é o resultado dun traballo humilde, responsable e co único compromiso de servir a Galicia.

 

O QUE SE DI DE GALICIA


O número un do PPdeG fixo fincapé en que non se conforma con todo o acadado na nosa comunidade porque aspira a máis e que o balance que presentan “non o fai un goberno, faino un país” polo que “é a garantía de que Galicia pode ser máis forte e pode estar mellor”. “Impórtame Galicia e, por iso, impórtame o que se diga en Madrid“, dixo salientando que lle importa que en Madrid se fale de que “Galicia é unha excepción de estabilidade, de contas públicas saneadas e de servizos públicos mellorados”.

 

Do mesmo xeito, impórtalle que no resto de España se diga que Galicia é unha comunidade aberta que internacionaliza e innova máis que nunca; que conta co plan contra desafiuzamentos más completo e é a única que asinou un pacto cos concellos e as entidades sociais contra la pobreza; ou que ten o maior paquete de leis de impulso democrático.

 

Do mesmo xeito, destacou que Galicia conseguiu que a demografía conte no próximo modelo de financiación autonómica; así como que Galicia é unha nacionalidade histórica que protexe a súa identidade en liberdade e sen imposicións.

Síguenos nas redes sociais