Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo avanza que pedirá ao Goberno central que revise o IVE dos produtos para celíacos

30 Ago 2016

Ferrol, 30 de agosto de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou esta mañá que traballará para que o Goberno central revise o IVA dos produtos sen glute que teñen un prezo máis elevado e que a xente non compra por gusto.


O dirixente, que recalcou que a celiaquía é unha doenza da que cada vez hai máis persoas diagnosticadas, destacou así que as familias con algún membro celíaco teñen que saber que o Goberno galego está plenamente concienciado coas dificultades que viven no seu día a día.

 

Así mesmo, Feijóo aseverou que obxectivo dos populares é estar ao lado daquelas familias que máis os necesiten por iso, lembrou que somos a comunidade que lidera a integración de alumnos con necesidades especiais a nivel español. “Aquí, nove de cada dez nenos con discapacidade ou algunha outra condición especial estudan nas mesmas aulas ca o resto dos seus compañeiros”, salientou.

 

O líder dos populares galegos, que participou nunha tertulia-coloquio con asociacións relacionadas coa familia e entidades de inclusión social que tivo lugar en Ferrol, insistiu en que están convencidos de que as familias teñen que estar no centro do futuro de Galicia.

 

“Un Goberno de maiorías ten que traballar tamén cada día pensando no benestar das familias” engadiu namentres indicaba que isto foi unha das preocupacións centrais do seu, permitindo que hoxe Galicia estea moito máis cerca de ser “unha familia de familias” do que estaba en 2009.

 

Nese senso, recordou que o primeiro que piden as familias é emprego e que, malia que aspiran a que na comunidade o traballo siga medrando, xa levamos 33 meses seguidos nos que o paro se reduce e 28 meses consecutivos de crecemento da afiliación á seguridade social.

 

Do mesmo modo, o presidente tamén destacou que, dentro da maior redución de impostos da historia de Galicia, o seu Goberno aprobou unha medida á que cualificou como xusta e que agradecerán especialmente as persoas que veñen de perder un ser querido: a eliminación do Imposto de sucesións e doazóns para o 99% dos casos.

 

APOIO ÁS FAMILIAS EN DIFICULTADES


Durante a súa intervención, o número un dos PPdeG apuntou que as familias en dificultades “foron unha prioridade nos anos da recesión e seguirano sendo agora que xa estamos a albiscar a recuperación”.

 

Deste modo, remarcou que acordouse unha Axenda social única, temos o complemento máis alto de España para todas as pensións non contributivas, dispoñemos de todos os mecanismos para que ninguén quede sen casa por motivos económicos, contamos con axudas para evitar que lles corten a luz a aquelas familias que están en serias dificultades e concédense axudas para compra de libros e material escolar ás que o necesitan.

 

MELLOR LUGAR PARA SER NENO


O dirixente puxo de manifesto que os populares queren que Galicia sexa o mellor lugar para nacer, para ser neno e para formar unha familia.

 

“Galicia acompaña aos nenos desde que nacen ata que chegan á maioría de idade”, dixo Feijóo poñendo en valor que, dende o seu nacemento, dispoñen do calendario de prevención e vacinación máis completo de España, ademais dunha axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano. Así mesmo, apuntou que temos un 75% máis de prazas públicas de gardería que en 2009, axudas para as familias que non obteñan unha e facilidades en contornas onde antes non as había.

 

Do mesmo xeito, precisou que, a medida que se van facendo máis maiores, tamén poden desprazarse entre concellos no bus metropolitano sen pagar un euro, grazas á Tarxeta Xente Nova que empezou a funcionar esta semana.

 

APOSTA POLA CONCILIACIÓN


Por outra parte, Feijóo subliñou a importancia de que as familias poidan conxugar traballo e vida no fogar con total naturalidade, facendo fincapé en medidas como o Bono Coidado.



“Un dos nosos retos pendentes é seguir esforzándonos para que os pais dispoñan de tempo para pasar cos seus fillos”, expresou ao tempo que sinalaba que se alegraba moito de que un dos acordos de investidura que alcanzou o PP con Ciudadanos fose neste mesmo senso.

 

“Comprométome a que Galicia sexa unha das comunidades que lidere a consecución deses obxectivos”, sinalou anunciando que, o vindeiro ano, abrirase unha mesa de traballo dentro do diálogo social para garantir uns horarios máis compatibles coa vida familiar. “Galicia será referente para España nese ámbito, como xa o é en medidas para incentivar os nacementos”, matizou.

 

O COIDADO DOS NOSOS MAIORES


O presidente tamén dixo que cada quen ten dereito a envellecer do xeito que prefira e, por iso, para os que prefiran un centro especializado, en Galicia dispoñemos dun terzo máis de prazas de centros de día e residencias de maiores que en 2009. Xa para os que prefiren facerse maiores nas súas casas multiplicáronse por catro o número de persoas que reciben o Servizo de Axuda no Fogar.

 

“Tanto uns como outros teñen a garantía de que Galicia lles recoñece todo o que se esforzaron ao longo da súa vida”, precisou antes de poñer en valor tamén que hoxe hai máis do triplo de dependentes atendidos que en 2009.

Síguenos nas redes sociais