Feijóo pide votar o domingo ao que une á gran maioría: estabilidade, responsabilidade, moderación, respecto, benestar e progreso

23 Sep 2016

A Coruña, 22 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, solicitou hoxe en A Coruña votar si o vindeiro domingo ao que une á gran maioría dos galegos: estabilidade, moderación, responsabilidade, respecto, convivencia institucional, capacidade de resolución de problemas, benestar das familias e progreso para Galicia. Neste sentido, pediu o voto polo moito que se pode facer xuntos nos vindeiros catro anos, que agora por fin son de máis esperanza.

Así mesmo, amosouse convencido de que hai moitos galegos que se senten máis próximos ao que propón que ao que promoven ou favorecen os dirixentes dos partidos aos que votaron noutras ocasións; que son máis próximos aos obxectivos comúns que propoñen os populares que a un pacto coas Mareas de Podemos cos nacionalistas; e que son máis próximos ao goberno que propoñen que a que os seus votos volvan quedarse fóra do Parlamento e beneficien ao contrario que defenden.

A todos eles dirixiu as súas palabras para asegurar que na Galicia que propoñen os populares non hai divisións, porque a Galicia que propoñen é a que non se bloquea, a que avanza e a que resolve xuntos: é a Galicia do si.

NON SON INCÓGNITA NIN SORPRESA
Feijóo asegurou que a xente coñéceo polos máis de sete anos nos que deu o máximo de si mesmo no momento máis difícil para Galicia; coñecen o nivel de implicación e responsabilidade que se pode esperar de el; e saben medir a súa capacidade para afrontar e intentar resolver problemas.

Nesta liña, engadiu que despois deste tempo, non pode ser nin unha incógnita nin unha sorpresa; o produto dun laboratorio político; o candidato de manual dun partido e unhas siglas concretas; o que sempre di a frase politicamente correcta; ou o candidato que promete imposibles. Así, afirmou que gobernará para todos buscando sempre o que nos une.

O presidente do PPdeG apuntou que é moito máis o que nos une á gran maioría dos galegos que o que nos separa, para concretar que queren que se cree emprego e se melloren as condicións laborais; queren un país que actúe con responsabilidade e siga crecendo; queren servizos públicos sostibles e mellores; queren que se apoie ás familias, que se axude ás nais e pais na obriga máis importante da súa vida que e coidar un fillo; queren máis axudas para emprender; e queren estabilidade e seguir avanzando. A esa gran maioría pediulles que vaian votar o domingo e el responderá traballando desde o mesmo luns.

COINCIDENCIA NA RESPOSTA
Para rematar, Feijóo animou aos presentes a falar cos seus veciños e manter unha conversa na que lles pregunten cando había mellores perspectivas de futuro: cando tiveron un goberno dividido ou agora; de que xeito se pode tomar máis en serio a un país para que se confíe nel: con estabilidade política ou cun espectáculo como o destes meses en España; se é mellor que o luns haxa un Goberno que estea traballando no que debe ou varios partidos facéndose un reparto; ou se é mellor votar sabendo o que se vota ou poñen do voto nunha tómbola, sen saber as carambolas que pode producir a lei electoral ou sen saber realmente a que partido e a que presidente se está apoiando co voto.

Síguenos nas redes sociais