O Parlamento aproba, co único voto favorable do PPdeG, o mantemento do emprego e actividade industrial de Ferroatlántica

23 Nov 2016

Santiago, 23 de novembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, cos únicos votos a favor do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta de Galicia a que todas as actuacións que realice en relación coa posible venda pola empresa Ferroatlántica das centrais hidroeléctricas que posúe nos ríos Xallas e Grande vaian dirixidas a salvagardar os empregos, as actividades industriais e enerxéticas, e súa a competitividade das empresas.

 

O secretario xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, criticou que “tanto En Marea, como o Grupo Socialista e o BNG se opuxeran a un acordo unánime no Parlamento galego na defensa dos postos de traballo en Ferroatlántica”. “Quedou demostrado, unha vez máis, que están máis polas fotos e pola trifulca política que por traballar conxuntamente polo futuro dos traballadores e os veciños da Costa da Morte e o mantemento dos empregos nesta comarca”, sinalou.

 

“Os traballadores e os cidadáns da Costa da Morte deben sentir que son a principal preocupación das institucións e dos seus representantes políticos, pero a negativa dos grupos da oposición no Parlamento a apoiar esta iniciativa do Grupo Popular reflicte claramente que os seus intereses con Ferroatlántica son máis políticos que de velar polos intereses dos cidadáns”, apuntou.

 

INFORMACIÓN AOS TRABALLADORES

 

Así, Tellado apuntou que desde o Goberno galego e desde o PPdeG “velaremos pola legalidade das actuacións e os movementos da empresa, de xeito que o proceso, sexa cal sexa, conte coa máxima seguridade xurídica”. Ademais, “manteremos informados aos traballadores e aos seus representantes sindicais das novidades que sucedan con respecto á evolución do proceso aberto, porque só sendo transparentes poderán estar tranquilos ante a lóxica incertidume que atravesan”.

 

“Tanto a actividade da empresa, como a súa competitividade, deben estar garantidas, de xeito que non se poñan en perigo nin os postos de traballo nin as condicións do empreso”, sinalou Miguel Tellado, quen engadiu que “calquera solución a esta situación debe pasar polo compromiso coa carga de traballo, a viabilidade da empresa e os investimentos na zona”.

 

Por último, o viceportavoz popular subliñou que “o compromiso do PPdeG arredor desta cuestión queda fóra de toda dúbida logo da proposición non de lei aprobada hoxe no Parlamento galego co seu único voto favorable, que se vén sumar á tamén aprobada o 18 de febreiro deste mesmo ano en Comisión para evitar a segregación da actividade e o mantemento da actividade industrial”.

Síguenos nas redes sociais