O PPdeG convida ao resto de forzas a acadar consensos para rematar coa lacra da violencia contra a muller

25 Nov 2016

Santiago, 25 de novembro de 2016.- O secretario xeral, Miguel Tellado, presidiu este venres unha xuntanza con mulleres destacadas do partido na que se aprobou unha declaración institucional con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller.


Na súa presentación, na que tamén estivo acompañado pola coordinadora de Igualdade do PPdeG, Susana López Abella, Tellado fixo un chamamento a todos os partidos políticos para que esta “non sexa unha materia de oposición, senón de unión”.


Neste sentido, considerou que sería “un bo punto de partida” para acadar os amplos consensos que o PPdeG está a reclamar na lexislatura autonómica que vén de iniciarse. “Aquí non serve a rivalidade política, os maltratadores son un inimigo social, e temos que demostrarlles que os que estamos en desacordo en case todo somos capaces de poñernos dacordo na súa repulsa”, subliñou.


O secretario xeral animou ás administracións públicas de todos os niveis a que traballen arreo en iniciativas que se encamiñen cara a erradicación de actitudes machistas, xa sexa no eido da concienciación, a prevención ou a atención ás vítimas. Ademais, tamén quixo convidar a todos os colectivos da sociedade civil a que se sumen ás medidas tomadas desde as institucións e aporten novas ideas.


Tellado alertou sobre os estudos que amosan un inicio de condutas rexeitables en mozos cada vez máis novos, e apuntou á educación como un dos piares clave na solución a este problema. “Queremos previr, educar e sensibilizar. Hai que actuar sobre a mocidade, porque ela construirá un futuro que debe cementarse sobre os valores irrenunciables da liberdade, a tolerancia e o respecto, e non sobre a submisión, a desigualdade e a violencia”, salientou.
Unha vez máis, o secretario xeral quixo mostrar toda a solidariedade do PPdeG coas vítimas, e anunciou que o partido se sumaría aos actos convocados pola Xunta de Galicia nesta data. Do mesmo xeito, quixo expresar o “soño de que no futuro non sexa necesario conmemorar o 25 de novembro, e que a lacra da violencia contra as mulleres sexa un pesadelo do pasado”.

 

UN ANTES E UN DESPOIS
Durante o seu discurso, Susana López Abella lembrou que a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e a Lei 11/2007 galega para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero, obtiveron no seu día o consenso xeral de todas as forzas políticas. “Estas Leis marcaron un antes e un despois na concepción do que é a violencia machista, xa que ambas recoñecen que estamos ante o símbolo máis brutal da desigualdade existente na sociedade”, valorou.

 

Aínda que recoñeceu que todas as medidas son insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade, a coordinadora de Igualdade quixo reivindicar as axudas, servizos e recursos a disposición de aquelas que queiran dar o paso e “rachar co seu silencio para saír da morte en vida na que viven cando son vítimas”.

Síguenos nas redes sociais