O Parlamento insta á Xunta a iniciar a oferta rutineira da proba do sida a persoas de 15 a 59 anos que fagan unha extracción de sangue

28 Dic 2016

Santiago, 28 de decembro de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a iniciar a oferta rutineira da proba do sida ás persoas entre 15 e 59 anos que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde. “Mellorar o diagnóstico precoz, unido á oportunidade de control da infección que nos ofrece o tratamento antirretroviral, permítenos contribuír a acadar as metas fixadas pola Estratexia Onusida e ser optimistas para un próximo futuro”, manifestou a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo.


 

Logo dunha transacción acordada polo Grupo Popular e o Grupo Socialista, incorporouse á proposición non de lei a solicitude á Xunta para que atenda as demandas dos colectivos LGTB para a supresión de terminoloxía excluínte e/ou estigmatizadora nos plans e programas autonómicos.

 

DIMINUÍR A TRANSMISIÓN

 

Rodríguez-Vispo subliñou a importancia dun “diagnóstico precoz para diminuír a transmisión do virus entre a poboación e tamén para mellorar o prognóstico dos casos. En definitiva, para mellorar a saúde das galegas e dos galegos que é o que nos importa a todos nós”.

 

Entre os beneficios individuais que supón un diagnóstico precoz atópanse a redución da morbi-mortalidade, os beneficios do tratamento antirretroviral, o apoio psicosocial e a prevención de condutas de risco para adquirir outras infeccións de transmisión sexual.

 

DESCENDER A EPIDEMIA

 

Na súa intervención, a deputada popular indicou que “o número total de novos diagnósticos ao ano mantense estable, a pesar do descenso da transmisión entre o colectivo de persoas usuarias de drogas inxectables pero aumenta o número de novas infeccións pola transmisión por vía sexual, que na actualidade supoñen o 77 por cento de novos casos detectados”. “Este é un dos retos principais que terá que afrontar o Plan galego anti VIH/Sida e outras infeccións de transmisión sexual 2015-2018 para conseguir descender a epidemia en Galicia”, indicou.

 

Marta Rodríguez-Vispo manifestou que “temos o importante reto nos vindeiros anos de diagnosticar ao 30 por cento das persoas que viven co VIH e descoñecen a súa infección”, porque “as persoas diagnosticadas diminúen as prácticas sexuais non protexidas e con elo se reduce a transmisión do sida”.

Síguenos nas redes sociais