O Parlamento solicita ao Goberno que comunique os peches das pescarías cun mínimo de 48 horas de antelación e antes das tres da tarde

29 Dic 2016

Santiago, 29 de decembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que asuma o compromiso de comunicar as resolucións sobre peches precautorios ou definitivos das distintas pescarías reguladas no plan de xestión do caladoiro nacional cantábrico e noroeste como mínimo con 48 horas de antelación á data e horario en que teñan efectividade e sempre antes das tres da tarde.


 

O deputado popular Daniel Vega manifestou que “se trata dunha iniciativa recollida das xuntanzas mantidas coas propias confrarías e que facilitaría o seu traballo para dar traslado destas resolucións aos profesionais do mar e aos buques afectados”.

 

 

MELLORAR O SISTEMA DE NOTIFICACIÓN

 

 

Daniel Vega lembrou que “estase a converter nunha práctica común que a comunicación dos peches das pescarías se realicen superadas as 15 horas, cando a maioría das confrarías esgotaron o seu horario administrativo, e con efectos a partir das cero horas do día seguinte”. “Deste xeito, moitas embarcacións xa teñen caladas no mar as súas artes e non dispoñen de marxe de tempo suficiente para poder retiralas, o que deriva en sancións”, indicou.

 

 

A través desta proposición non de lei preténdese mellorar este sistema de notificación co obxectivo de facer compatible a axilidade na comunicación e a efectividade dos peches, así como a posibilidade de que os profesionais poidan coñecer os mesmos e desenvolver as tarefas necesarias para o seu cumprimento.

Síguenos nas redes sociais