Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG celebra que Galicia “teña hoxe a taxa de paro máis baixa dos últimos seis anos”

26 Ene 2017

Santiago, 26 de xaneiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou este xoves os datos revelados pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) relativos ao último trimestre do ano 2016, e celebrou que “Galicia teña hoxe o nivel de paro máis baixo dos últimos seis anos”. Así, lembrou que a Comunidade encadea xa once trimestres consecutivos de caída do desemprego, e sinalou que “non hai mellor mostra de que as reformas emprendidas nestes anos deron resultado”, polo que entende que estes datos “deben dar ánimos ao Goberno e á Xunta para continuar coa súa política económica”.

No mesmo sentido, Tellado asegurou que o compromiso coa creación de postos de traballo de calidade segue a ser “irrenunciable”, e cualificou de “moi positivo” o anuncio do presidente da Xunta de que no Consello de hoxe se aprobará unha nova partida de 22 millóns de euros para políticas activas de emprego. “Estas medidas apuntan directamente ao que debe ser o seguinte obxectivo, que o emprego que se cree sexa estable e cada vez mellor remunerado”, subliñou.


O secretario xeral quixo destacar varios datos positivos da EPA que atinxen á nosa Comunidade, como o feito de que Galicia continúe a ter unha taxa de paro máis baixa có resto de España e que o total de traballadores se consolide por riba do millón. 

 

Ademais, cualificou de “moi boa nova” que a cifra de ocupados a tempo completo medrase nun 1,4% e que tamén aumente a ocupación en sectores como o primario (18%), industria (4%) e os servizo (0,6%). “Que a suba sexa practicamente xeralizada dá unha mostra inequívoca de que a recuperación está a chegar cada vez a máis xente, pero somos conscientes de todo o que queda por facer polas persoas que aínda non puideron atopar un emprego”, destacou.


Tellado tamén subliñou que, se ben aínda queda moito por facer, en 2016 Galicia rexistrou 23.000 parados menos respecto ao 2015 e 17.000 novos afiliados á Seguridade Social. Así mesmo, entre os mozos menores de 30 anos, o desemprego baixou un 14,4%, o que supón 4.600 parados menos.

 

CRÍTICAS Á OPOSICIÓN
O secretario xeral tamén fixo un reproche á oposición porque “maioritariamente seguen a negar a recuperación da nosa economía, aínda que cada vez teñan menos argumentos para facelo”. Neste sentido, tamén lembrou que no último debate de orzamentos no Parlamento autonómico, os grupos de esquerda “pedíronlle ao Goberno galego que revertese todas as reformas que axudaron a que a tendencia positiva actual se consolide”.

Síguenos nas redes sociais