O Parlamento aproba o documento coas propostas de Galicia para o Pacto de Estado contra a violencia de xénero

02 Mar 2017

Santiago, 1 de marzo de 2017.- A Comisión non permanente de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres do Parlamento de Galicia aprobou esta tarde o documento, consensuado entre todos os grupos parlamentarios, que recolle as propostas de Galicia para a elaboración do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A viceportavoz do  Grupo Popular, Paula Prado, amosou a “satisfacción polo traballo realizado e polo consenso” co que se elaborou este documento. “Agradecer non só o que incorporamos cada grupo parlamentario, senón a xenerosidade de prescindir de propostas que considerábamos importantes a nivel particular, pero que deixamos a un lado para non impoñer os intereses partidistas por enriba do xeral”, salientou.

 

LISTÓN MOI ALTO

 

Así mesmo, Prado afirmou que se trata dun “documento de vangarda que pon o listón moi alto para as propostas que remitan o resto de comunidades autónomas”. “É difícil superar as propostas que mandamos desde Galicia para a elaboración deste Pacto de Estado, porque aquí xa estamos facendo moitas cousas en aplicación da nosa avanzada normativa en materia de violencia de xénero, acompañada da dotación de recursos económicos e materiais por parte do Goberno galego”, manifestou.

 

“Un acordo entre todos os partidos políticos ten unha maior relevancia porque lanza a mensaxe á sociedade de que todos temos que poñer da nosa parte e todos temos que aportar na loita contra esta lacra que padece a nosa sociedade, deixando a un lado as posicións personalistas”, subliñou.

 

Respecto da concreción de recursos económicos para o cumprimento das medidas incorporadas no documento, Paula Prado explicou que “a realización de moitas das medidas que propoñemos para o Pacto de Estado conlevan en si mesmas un incremento das partidas orzamentarias, como acontece no impulso de actuacións en ámbitos como a educación, as pensións de orfandade ou a prevención da violencia machista”.

Síguenos nas redes sociais