O Parlamento aproba demandar ao Goberno central a modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol

26 Abr 2017

Santiago, 26 de abril de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa impulsada polo Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno do Estado o impulso da modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, establecendo fases sucesivas para o desenvolvemento das actuacións de xeito que a súa progresiva posta en servizo permita ir acurtando os tempos de percorrido. “Os ferroláns merecen un tren á altura da nova era do transporte que abrirá o AVE a Galicia, e que xa empezan a gozar os usuarios do eixo atlántico ferroviario”, manifestou o portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado.


Na súa intervención, Fernández Prado salientou que “o mapa ferroviario galego está a ser obxecto dun profundo proceso de renovación e de modernización de liñas e servizos”, poñendo como exemplo o eixo atlántico de alta velocidade e a finalización da conexión de Galicia coa Meseta en alta velocidade. Neste sentido, lembrou que o proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2017 recolle a consignación das partidas necesarias para avanzar na liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia, de acordo cos prazos comprometidos para a chegada do AVE no terceiro trimestre de 2019.


CONEXIÓNS FERROVIARIAS DE CALIDADE


“Diante destes avances, parece claro e razoable seguir impulsando e garantindo conexións ferroviarias de calidade noutros puntos da Comunidade galega”, indicou o portavoz popular, quen indicou que a modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol “non só permitirá conectar a cidade departamental dun xeito rápido e moderno co eixo atlántico ferroviario, co AVE á Meseta e co resto de liñas de longa distancia, senón que se converta nun importante elemento estruturador metropolitano como servizo de cercanías”.


Neste sentido, e “co afán de darlle a maior viabilidade posible a este proxecto, o Grupo Popular considera aconsellable traballar na modernización desta conexión dun xeito que poida ser abordado por fases sucesivas, de xeito que permita ir mellorando tempos de percorrido entre as dúas cidades”, dixo o portavoz popular.


ORZAMENTOS DE 2017


Martín Fernández indicou que a Xunta xa ten en execución un estudo para a mellora da mobilidade no corredor ferroviario A Coruña-Ferrol, cuxas conclusións estarán para o último trimestre deste ano. “Neste estudo analizaranse as infraestruturas ferroviarias e o seu trazado co obxectivo de mellorar significativamente tanto os servizos de transporte de viaxeiros como os de mercadorías sobre a liña actual”, apuntou.


Para rematar, lembrou que o proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2017 prevé partidas que suman 4,5 millóns de euros entre 2017 e 2019 para a mellora da liña entre A Coruña e Ferrol, e para o impulso do estudo informativo do baipás de Betanzos.

Síguenos nas redes sociais