O Parlamento solicita que se adapte o réxime xurídico de financiamento dos partidos políticos para regular os microcréditos ou micropréstamos

28 Jun 2017

Santiago, 28 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha resolución a través da que se insta á Xunta a adaptar o réxime xurídico vixente en materia de financiamento das formacións políticas, regulando o emprego das novas formas de financiamento, tales como as chamadas crowdfunding, microcréditos ou micropréstamos, para configurar un marco xurídico máis axeitado e avanzar na mellora do control dos fondos públicos.


No debate das propostas de resolución ao Informe de regularidade das contabilidades electorais correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o 25 de setembro de 2016 elaborado polo  Consello de Contas, a deputada Cristina Romero explicou que o propio Conselleiro Maior expresou “as grandes dúbidas que xeran, tanto ao Consello de Contas como ao Tribunal de Cuentas, os micropréstamos como fórmula de obtención de financiamento privado por parte de En Marea e de Podemos”.


Ademais, Romero lembrou que “o Consello de Contas foi claro no seu informe en canto á fiscalización de En Marea: aparte de que dificultaron significativamente a fiscalización, evidenciáronse  importantes deficiencias que lles obrigaron a devolver documentación, que remitiron novamente con anotacións manuais sobre os documentos xustificativos”.


“En Marea foi o único partido que utilizou como medio complementario de financiamento as aportacións de persoas físicas ou xurídicas, que denominan microcréditos ou préstamos civís”, sinalou a deputada popular, quen subliñou que “o propio Consello de Contas conclúe no seu informe que non hai evidencia suficiente da realidade do compromiso de devolución dos préstamos, polo que considera que se trata de simples doazóns”.


DOAZÓNS ALOMENOS IRREGULARES


Cristina Romero engadiu que “doazóns alomenos irregulares, xa que a Lei de financiamento dos partidos políticos di claramente que se debe optar entre diñeiro público ou doazóns, e En Marea optou polas dúas fontes de financiamento”.


“Para que estas doazóns encubertas baixo o nome de microcréditos o créditos civís no se amparen no baleiro legal que existe nesta materia, desde o Grupo Popular impulsamos esta resolución co obxectivo de adaptar o réxime xurídico vixente en materia de financiamento dos partidos políticos, regulando o emprego destas novas formas de financiamento para así configurar un marco político máis axeitado e para avanzar na mellora  do control dos fondos públicos”, indicou a deputada popular.


Ademais, na Comisión para as Relacións co Consello de Contas aprobou esta mañá outra resolución impulsada polo Grupo Popular a través da que se demanda ao Tribunal de Cuentas que remate cos traballos de adaptación do Plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas ás prescricións establecidas na Lei 3/2015, de control da actividade económico-financeira dos partidos políticos, aprobando un novo texto que sexa de aplicación efectiva para todas as formacións políticas.

Síguenos nas redes sociais