O PPdeG afirma que a Xunta realizará un estudo sobre persoas sen fogar en Galicia para a posta en marcha dun plan integral de atención a este colectivo social

30 Jun 2017

Santiago, 29 de xuño de 2017.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou esta tarde no Parlamento que a Xunta ten previsto realizar no último cuatrimestre deste ano un estudo sobre as persoas sen fogar en Galicia, que servirá de base para a posta en marcha dun plan integral de atención a este colectivo social.


“Trátase de analizar a situación actual e traballar, en colaboración coas entidades de iniciativa social e o resto de administracións públicas, na formulación de medidas coordinadas que permitan unha atención integral das persoas sen fogar”, concretou Rodríguez Arias.


COBERTURA DE NECESIDADES BÁSICAS


De todos xeitos, a portavoz popular sinalou que “Galicia xa conta cunha estratexia para loitar contra a pobreza e a exclusión: a Estratexia Galega de inclusión social 2014-2020, que inclúe medidas orientadas a evitar ou reducir o dano que provoca a carencia dun fogar nas persoas, con intervencións orientadas á cobertura das necesidades básicas e aos recursos residenciais”.


Marta Rodríguez salientou que a Xunta “xa está a desenvolver na actualidade diferentes medidas de atención ás persoas sen teito. En concreto, citou o Programa de atención ás persoas sen fogar en situación de vulnerabilidade, desenvolvido en colaboración coa Cruz Vermella e que ten como obxectivo acadar a incorporación social das persoas sen fogar; ou o mantemento da Rede de centros de atención a persoas en exclusión social severa ou a realización de diferentes programas de atención a persoas sen fogar en colaboración con entidades sociais e concellos.

Síguenos nas redes sociais