Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Miguel Tellado: “Para o PPdeG, Galicia é a resposta a todas as preguntas”

21 Jul 2017

Vilalba, 21 de xullo 2017.- O secretario xeral dos PPdeG, Miguel Tellado, participou este venres na ofrenda floral que, con motivo da celebración do Día de Galicia, os populares realizaron ante o busto de Manuel Fraga Iribarne en Vilalba, a localidade natal do fundador do partido. Neste acto, Tellado estivo acompañado da presidenta provincial do partido en Lugo, Elena Candia; o portavoz no Parlamento galego, Pedro Puy; o presidente nacional de Nuevas Generaciones, Diego Gago; e o alcalde da vila, Agustín Baamonde.


Na súa intervención, o número dous dos populares subliñou que “para o PPdeG, Galicia é a resposta a todas as preguntas” e lembrou que “os nosos predecesores inculcáronnos que os nosos esforzos sempre deben centrarse en mellorar a nosa terra e servir aos nosos veciños”.


O secretario xeral explicou que o galeguismo é o trazo ideolóxico diferencial do PPdeG, e definiuno como “a reivindicación dunha terra que ten a capacidade de ser próspera, de producir por si mesma e de adaptarse coma calquera aos novos tempos”, fronte aos que o entenden como “a reivindicación dun país que se reprega sobre si mesmo”. Neste mesmo sentido, convidou a que sexa entendido “desde a apertura ao exterior e a vontade de cooperación cos que están ao lado e cos que están lonxe”, e non “desde a confrontación ou o rexeitamento ao diferente”.


Sobre isto, destacou que “cremos humildemente que esta visión do país é compartida pola maioría dos galegos de hoxe, igual que foi compartida polos de décadas pasadas” que sempre respaldaron maioritariamente os proxectos que os populares lles propuxeron.

 

O MELLOR DOS FUTUROS POR DIANTE
Tellado valorou á nosa Comunidade como “unha terra co mellor dos futuros por diante, que encara as dificultades con valentía e ve as oportunidades con optimismo”. Así, ilustrou este argumento coa capacidade que tivo para repoñerse da crise ata conseguir que a economía creza a un 3% e o paro descenda a un ritmo do 10% anual.

 

Ante estes feitos, remarcou a aposta que fan os populares pola “xestión seria e rigorosa”, e que levaron recentemente a que Galicia poida contar con 230 millóns de euros máis para investimentos e servizos sociais. “Traballamos cada día para mellorar as institucións, igual que as familias traballan día a día para mellorar o futuro das xeracións vindeiras”, insistiu.

 

O PARTIDO QUE MÁIS SE PARECE A GALICIA
O secretario xeral concluíu a súa intervención subliñando que “a frase de que o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é moito máis que un slogan”, apuntando que “é a constatación dunha filosofía e dun xeito particular de entender a política e o servizo público”.

 

Na antítese desta idea colocou a “aqueles que se din nacionalistas, e os que din que son ‘a xente do común’”, porque entende que “non queren parecerse a Galicia, queren que Galicia se pareza a eles”. Así, reprochoulles que “non queren poñerse ao servizo de Galicia, senón que queren que Galicia se poña ao servizo dos seus intereses e do seu sectarismo”.

Síguenos nas redes sociais