Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado cre que a Lei de implantación empresarial será "un dos textos máis relevantes de toda a Lexislatura"

21 Ago 2017

Santiago, 21 de agosto de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, sinalou este luns que a actividade económica e o emprego seguirá a ser no vindeiro período de sesións unha das preocupacións fundamentais da súa formación, e vaticinou que a Lei de implantación empresarial será “un dos textos máis relevantes de toda a lexislatura”.


O pasado mes de xullo, o Grupo Popular presentou unha proposición de Lei que contribuirá a “simplificar, flexibilizar e liberalizar” sectores da economía galega, con vistas a consolidar a recuperación económica. Ademais, recalcou que “queremos poñer os medios legais e normativos que nos permitan atraer a instalación de novas empresas en Galicia e blindar a competitividade da Comunidade fronte a outros territorios próximos”.


Tellado quixo destacar a ambición deste novo texto, que terá unha ampla incidencia en todo o proceso de creación e instalación de novas iniciativas empresariais. Neste sentido, destacou aspectos como a simplificación administrativa de procesos como as autorizacións ambientais; as facilidades para acondicionar os polígonos industriais segundo as necesidades de cada momento; ou as axudas directas ao investimento. 


O viceportavoz explicou que o Grupo Popular tamén ten previsto unha serie de medidas en materia de emprego para os vindeiros meses, enfocadas tanto a que os parados atopen un posto de traballo, como a que os que xa contan cun emprego melloren as súas condicións laborais. Sobre este punto, destacou que se apostará por impulsar a negociación colectiva en sectores cuxos convenios se atopen desactualizados; e tamén se poñerá en marcha un Cheque Formación para que os desempregados poidan escoller de forma autónoma os cursos que consideren que mellor poden reforzar o seu perfil profesional.Ante a importancia clave desta batería de medidas,  Tellado tendeulle a man a todos os grupos da oposición para que fagan achegas que contribúan á mellora das mesmas. “Teñen a oportunidade de demostrar que de verdade lles preocupa que Galicia mellore, e non só practican o 'non polo non'”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais