Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Pedro Puy sitúa como obxectivo do Goberno galego reforzar o crecemento económico que xera emprego e mellorar o sistema de benestar

05 Oct 2017

Santiago, 4 de outubro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe no Debate sobre o Estado da Autonomía que “o obxectivo do Goberno galego para o futuro é reforzar e consolidar o crecemento económico que xera emprego e mellorar o sistema de benestar que entre todos construímos”. Así mesmo, ofreceu diálogo aos grupos da oposición, “pero sen renunciar aos grandes principios que cimentan toda orde social democrática e equitativa: igualdade, equidade, liberdade e solidariedade”.


Pedro Puy referiuse á situación que se vive en Cataluña e asegurou que o Grupo Popular “comparte e apoia a firme declaración de defensa da orde constitucional e estatutaria realizada esta mañá polo Presidente da Xunta, fronte aos riscos que plantexan o desafío soberanista e a súa posible reacción centralizadora”. “Desde o PPdeG miramos a Galicia, ás súas xentes e aos nosos veciños, que arelan ter un traballo digno, un futuro mellor para os seus fillos e un sistema de protección social que axude a quen o precise”, indicou.


Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que Feijóo e o PPdeG “asumiron a responsabilidade de gobernar Galicia en 2009 nun contexto de crise económica, social e auxe de novas forzas políticas populistas”. “A extraordinaria, por infrecuente, concatenación de maiorías acadadas polo Presidente Feijóo da conta que, fronte ás predicións apocalípticas da oposición nos últimos oito anos, é posible saír da crise e manter a estabilidade institucional con boa xestión, boas políticas e responsabilidade”, dixo.


ESTABILIDADE: A MELLOR GARANTÍA


“A estabilidade política de Galicia é a mellor garantía para consolidar o crecemento económico que xera emprego e mellorar o sistema de benestar”, manifestou.


Puy referiuse ás taxas positivas de crecemento da economía galega desde o ano 2013, a redución do paro ou o crecemento da ocupación para demostrar que “a crise económica está atrás e agora toca consolidar o crecemento dunha economía que quere medrar con talento, internacionalización, innovación e traballo ben pagado”.


Ademais, asegurou que “a mellor resistencia de Galicia ante a crise social ten moito que ver co esforzo deste Goberno galego para priorizar as políticas sociais e o mantemento do Estado de Benestar sobre outras actuacións”. Neste punto, destacou o incremento de investimentos destinados a inclusión, dependencia, discapacidade ou familia, así como o aumento de prazas públicas de escolas infantís, de centros de día, de residencias de maiores, de centros de alzheimer e de discapacidade.


Respecto da sanidade pública, Pedro Puy dixo aos grupos da oposición que “xa está ben de mentir” e demandou “un pouco de responsabilidade ante a tramitación dunha reforma da Lei de Saúde, que aínda non entrou no Parlamento e que beneficiará aos pacientes mellorando desde a proximidade os servizos dos hospitais comarcais, ao tempo que consolidará un modelo que xa ten aforrado máis de 260.000 desprazamentos dos pacientes desde as comarcas aos hospitais das cidades”.


OPOSICIÓN CONTINUISTA E PERSISTENTE


Para rematar, o portavoz popular criticou que a oposición “leve un ano de continuismo e de persistencia no mesmo discurso que lles fixo estar na oposición: no mesmo discurso caduco, apocalíptico e maniqueo que os galegos xa rexeitaron en 2012 e 2016”.


“O que lles importa é a denigración, non a verdade; e é esta filosofía política, aplicada consciente e premeditadamente, o que explica o comportamento nalgúns casos sorprendente dalgúns membros deste Parlamento”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais