O GPP apoia no Parlamento solicitar a Fomento a reconversión en vía verde dos tramos da antiga vía férrea Pontevedra-Arcade e Chapela-Vigo

03 Oct 2017

Santiago, 3 de outubro de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta tarde no Parlamento solicitar ao Ministerio de Fomento a reconversión en vía verde para uso peonil e ciclista dos treitos da antiga vía férrea Pontevedra-Arcade e Chapela-Vigo que estean actualmente en desuso.

 

 

Así mesmo, demándase que a Xunta colabore con todos os concellos polos que discorre a antiga vía férrea (Pontevedra, Soutomaior, Vilaboa, Redondela e Vigo) e coa Deputación de Pontevedra na redacción dun proxecto construtivo e no estudo dunha estrutura administrativa para a xestión e conservación desta vía.

 


O deputado popular Jacobo Moreira amosou a “plena disposición do PPdeG en promover este tipo de vías verdes naqueles treitos que estean en desuso e nos que potencialmente se poidan levar a cabo este tipo de actuacións sen interferir en ningún modo no tráfico ferroviario”.

 


MOBILIDADE MÁIS SEGURA E SOSTIBLE

 


“Este tipo de infraestruturas están en consonancia co que xa está a facer o Goberno da Xunta no eido das súas competencias co Plan de Sendas de Galicia, contribuíndo a unha mobilidade máis segura e sostible, ao tempo que se aproveita o seu gran potencial turístico e inciden moi positivamente no desenvolvemento económico e social dos concellos polos que transcorren”, sinalou.

 


Moreira conseguiu, logo dunha transacción co BNG, que a proposta inicial dos nacionalistas, que só se limitaba ao treito entre Pontevedra e Arcade, se ampliara ao tramo entre Chapela e Vigo, incorporando ao mesmo tempo no proxecto aos concellos de Redondela e Vigo.

 


“Creemos que hai que ampliar a colaboración a todos aqueles concellos polos que transcorre a vía férrea”, sinalou o deputado popular, quen lembrou que o propio Concello de Redondela “xa se ten interesado pola recuperación do antigo trazado de ferrocarril ao seu paso pola parroquia de Chapela para o seu destino a unha vía verde e para a posta en valor do interese turístico da zona”.

Síguenos nas redes sociais