Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo: “Galicia está disposta a liderar o Pacto Educativo que España necesita”

28 Ene 2018

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou esta mañá que “Galicia está disposta a liderar o Pacto Educativo que España necesita”, salientando que “o Pacto de Estado Social e Político pola Educación é a maior oportunidade educativa nestes 40 anos”.

Así se expresaba o líder do PPdeG durante a clausura da Convención Nacional de Educación que os populares celebraron esta mañá en Santiago, na que estivo acompañado polo vicesecretario de Política Social e Sectorial do PP, Javier Maroto, e polo ministro de Educación, Cultura e Deportes, Íñigo Méndez de Vigo.

 

SISTEMA EQUITATIVO, PLURAL E INNOVADOR

 

“Fixemos un sistema educativo como nos gustaría que fose Galicia: equitativa, plural e innovadora”, destacou o presidente logo de recoñecer que para que unha folla de ruta educativa teña éxito é necesario que sexa compartida coa comunidade docente. Neste senso, afirmou que o mérito dos resultados da Educación pública galega é, ante todo, dos seus 30.000 profesionais, aos que a Xunta debe acompañar.

 

Máis polo miúdo, explicou que a Educación debe ser reflexo e guía da Galicia equitativa e integradora que garanta a igualdade de oportunidades e, nese senso, os datos amosan que imos polo rumbo axeitado: o informe PISA recoñece que temos o sistema educativo máis equitativo de España e do mundo; cada día 90.000 alumnos da Educación pública se benefician do transporte escolar grazas ao maior investimento de España -105 millóns de euros-; e logramos ofrecer unha formación de primeiro nivel aos alumnos con necesidades especiais -o 92% deles integrados en centros ordinarios-.

 

Por outra banda, fixo referencia á aposta da Xunta polo plurilingüismo, expoñendo que, se en 2009 había menos de 13.000 alumnos que recibían un ensino plurilingüe, en 2018 hai 106.000; se hai nove anos en Galicia non había ningún centro plurilingüe, hoxe hai 322; mentres antes había 720, agora temos seis veces máis seccións bilingües nos centros; e pasouse de 67 auxiliares de conversa a 550. Ademais das cifras, Feijóo salientou a implantación dunha nova Estratexia de linguas estranxeiras que, coa vista posta en 2020, estenderá o plurilingüismo ao 100% dos alumnos do ensino obrigatorio, pois “hoxe en Galicia as linguas non son un problema, senón unha oportunidade”.

 

No tocante á innovación, o presidente remarcou o pulo ao crecemento intelixente, sinalando accións como o kits de robótica nos centros de primaria e secundaria; o novo bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía; ou a mellora do libro dixital.

 

Feijóo non esqueceu tampouco a auténtica revolución silenciosa que viviu a Formación Profesional, poñendo en valor que hoxe haxa 51.000 matriculados, case un 50% máis que hai nove cursos, e que oito de cada dez atopan un traballo ao rematar a súa formación.

 

PROXECTO EDUCATIVO COMÚN

 

Tras deixar claro que “non queremos un sistema educativo que adoutrine, que os colexios sirvan para inflar aínda máis o ego de certos políticos, ou que nas aulas se eduque no sectarismo ou no resentimento”, o líder dos populares galegos pediu aos docentes que, sempre que pensen que algo se fai mal ou que podería facerse mellor, o trasladen.

 

Feijóo tamén subliñou que en Galicia apostouse por incorporar ao profesorado a un proxecto educativo común, con iniciativas como un Plan anual de formación; a análise das competencias profesionais docentes; e reforzando a estabilidade. De feito, xa somos a Comunidade coa menor taxa de interinidade de España e este ano propoñerase convocar 1.919 prazas en 30 especialidades diferentes, case o dobre que o ano pasado.

 

Síguenos nas redes sociais