Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: "Se a economía está despegando grazas aos Orzamentos da Xunta, imaxinen se ademais tivésemos un modelo de financiamento xusto”

23 Feb 2018

Santiago, 23 de febreiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, apuntou que, “se a economía está despegando grazas aos Orzamentos da Xunta, imaxinen se ademais tivésemos un modelo de financiamento xusto”.

 

Así, explicaba que a mellor maneira de consolidar esta tendencia positiva, sería un mellor sistema de financiamento autonómico, que deixe de prexudicar a territorios como o galego, e que teña en conta as nosas necesidades en canto a servizos públicos. “E sabemos que iso é o que ocupa hoxe en día ao goberno galego, deixando de lado intereses partidistas, e chegando a entenderse con gobernos de distintas cores políticas para defender os intereses dos nosos veciños, que é o que facemos no noso día a día”, subliñou.

 

 

Así mesmo, lembrou que esta semana tivemos varias boas noticias no eido económico, que se refiren ao balance do peche do ano pasado, como son que Galicia volve bater o récord de exportacións por quinto ano consecutivo, superando por primeira vez a cifra dos 21.000 millóns de euros; que 2017 foi o mellor ano para o naval galego na última década, con contratos por uns 470 millóns de euros; e que o sector da pesca acadou tamén o seu máximo valor histórico en valor de descargas en lonxa, con máis de 500 millóns de euros. Todas elas veñen a sumarse a outras xa coñecidas como os históricos datos de creación de emprego, de crecemento económico ou o novo récord de afluencia de turistas á nosa Comunidade.

 



Malia isto, o secretario xeral sinalou que “as boas cifras non deben servir para facernos conformistas, senón para animarnos a perseverar e melloralas de cara aos exercicios futuros”. “E tamén deben servir para que sigamos investindo o crecemento económico en mellorar os nosos servizos públicos para que a recuperación chegue a todos os galegos”, engadiu.

 

 

Como exemplo de que a Xunta está dando mostras día a día de que é consciente desta realidade, Tellado recordou que onte mesmo coñecemos que este ano se convocará unha Oferta Pública de Emprego de 2.050 profesores, o dobre do ano pasado e a maior oferta na última década; que se aumenta en 520 as prazas en escolas infantís, co horizonte de que en 2020 todos os concellos teñan polo menos un recurso de fomento da conciliación; ou o reforzo do sistema de protección á infancia con máis recursos para familias de acollida e centros de menores.

 

 

“Galicia conseguiu todos estes avances económicos e sociais cunha receita que é ben coñecida por todo o mundo: estabilidade institucional, aprobando os orzamentos de cada ano en tempo e forma; aposta polos nosos sectores produtivos e modernización da nosa economía; e control das Contas públicas”, remarcou.

 



“ASINANTES DE PRIMEIRA E DE SEGUNDA”
O número dous do PPdeG tamén se referiu ás novidades sobre a compra dun piso por parte do Concello de Coruña a un fundador da Marea Atlántica, cuxa única forma de explicala por parte de Xulio Ferreiro foi escudarse detrás dos funcionarios, “que se viron obrigados a defender a súa honorabilidade e profesionalidade ante as dúbidas que xeran as actuacións da Marea Atlántica”, e mandar ao seu concelleiro de Urbanismo a dúas comisións, nas que acabou recoñecendo que era posible que se cometesen erros nesta compra, polo que habería que abrir unha investigación. “Xulio Ferreiro xa demostrou que non é capaz de explicar estes casos de amiguismo continuado”, insistiu.

 

 

Nese senso, precisou que se a partir disto o rexedor quere seguir facendo os seus «Dillo Ti» polos barrios da Coruña, “o que vai ter que explicar é por que na Marea Atlántica hai asinantes do manifesto de primeira e de segunda”. Así, aos aspirantes de primeira cómpralles pisos irregulares con diñeiro público, adxudícalles contratos a dedo, por valor de hasta 300.000 euros, e concédelles o uso da antiga cárcere.

 

 

“Supoñemos que os cada vez menos asinantes de segunda, os que non sacaron rédito económico da súa militancia na Marea Atlántica, empezan a sentirse tan agraviados coma o resto de coruñeses, que ven como o seu concello se utilizou para alimentar a unha cuadrilla de amigos”, sentenciou.

Síguenos nas redes sociais