Paula Prado pide aos sindicatos acabar cos inxustificables bloqueos cos que condenan á Xustiza galega

20 Mar 2018

Santiago, 20 de marzo de 2018.- A viceportavoz e portavoz de Xustiza do Grupo Popular, Paula Prado, pediu responsabilidade aos sindicatos para rematar cos inxustificables bloqueos cos que condenan á Xustiza galega e prexudican á cidadanía xa que a oferta do Goberno galego cumpre o que pedían.

 

Tal e como sinalou, esta oitava proposta inclúe unha nova suba salarial e mesmo unha cláusula que garante que o seu salario nunca baixe da media estatal dos funcionarios de Xustiza. Trátase dun incremento que, unido á suba acordada polo Ministerio de Facenda, traduciríase nun aumento dos soldos do 14%, o que suporía entre 3.500 e 4.500 euros máis ao ano.

 

“Lamentamos atoparnos de novo cunha postura inmóbil dos sindicatos, con peticións que non son asumibles para as arcas públicas e que pensan máis nas eleccións que nos traballadores”, recoñeceu Prado, que insistiu en pedir que “deixen de ter como reféns aos cidadáns e acaben con esta folga e este bloqueo dos xulgados porque xa se cumpriu o que solicitaban”.

 

Ademais, manifestou que unha subida por riba do ofertado podería considerarse un luxo que os galegos non poden permitirse, polo que os sindicatos estanse arriscando a que a cidadanía galega non entenda que un incremento deses termos no lles convenza.

 

Para Prado, é dificilmente entendible que unha suba próxima aos 4.000 euros non guste aos sindicatos da Administración de Xustiza e ata os manteña bloqueando a expedición de certificados de defunción na Comunidade Autónoma.

 

Así mesmo, a viceportavoz e portavoz de Xustiza pediu ao resto de partidos que se pronuncien sobre a situación porque cúmprese o acordo parlamentario.

Síguenos nas redes sociais