Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento insta á Xunta a elaborar unha estratexia de actuación sobre as centrais hidroeléctricas con dereito concesional a extinguir

02 Abr 2018

Santiago, 28 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a elaborar unha estratexia de actuación sobre os aproveitamentos hidroeléctricos con dereito concesional a extinguir no presente e no seguinte ciclo de planificación hidrolóxica (ata o ano 2027), na que se analicen os condicionantes xurídicos, económicos, ambientais e sociais que permitan decidir, no seu caso, a modalidade de explotación dos mesmos.

 

 


A voceira de Enerxía, Marta Nóvoa, explicou que, unha vez rematen os prazos outorgados para as concesións das centrais hidráulicas na demarcación de Galicia Costa, “a Xunta de Galicia pronunciarase expresamente sobre o futuro do aproveitamento destas centrais en base a estudos técnicos”.

 


SEN DANAR A PLANIFICACIÓN NIN O CAUCE

 


“Estes estudos de viabilidade permitirán asegurar a continuidade da produción de enerxía eléctrica a partir da auga, sen danar a planificación hidrolóxica nin a continuidade fluvial do cauce, e tendo en conta a garantía da preservación do recurso hídrico”, apuntou.

 


Se tras estes análises de viabilidade o resultado é positivo,  a Xunta ofrecerá a continuidade da explotación da correspondente central, ben asumindo a Administración galega a súa xestión, a través de explotación directa ou indirecta; ou a través dunha concesión adxudicada nun concurso en réxime de concorrencia competitiva.

 


IMPORTANCIA DO SECTOR ENERXÉTICO

 


“Está claro que unha vez que as concesións expiren, a Administración e os galegos deberán ser parte dos beneficios que xeran estas centrais a través da xestión máis adecuada e que máis rendibilidade tanto económica como técnica produza”, sinalou.

 


Marta Nóvoa salientou a importancia do sector enerxético en Galicia, que a día de hoxe representa o 4,3 por cento do PIB e xera 10.000 postos de traballo directo e 22.000 empregos indirectos. “Ademais, temos case o 56 por cento de enerxía xerada por fontes renovables e, o máis importante, o consumo é dun 38 por cento de orixe renovable, situando a Galicia por enriba do obxectivo marcado pola Unión Europea dun 20 por cento para 2020”, anotou.

Síguenos nas redes sociais