O Parlamento insta á Xunta á creación do Observatorio Galego da Familia e a Infancia no primeiro semestre deste ano

30 Abr 2018

Santiago, 26 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dun acordo entre o Grupo Popular e En Marea, solicitar á Xunta a creación, no primeiro semestre deste ano, do Observatorio Galego da Familia e a Infancia, que terá como unha das materias prioritarias a promoción da participación infantil a través da creación de grupos de traballo. Así mesmo, a iniciativa incorpora a posta en marcha do Consello Galego da Infancia e a Adolescencia, como organismo participativo destes sectores da poboación nas políticas públicas da Xunta.

 

 


A iniciativa solicita, ademais, fomentar o desenvolvemento da participación da infancia e a adolescencia en consellos locais, de acordo coa Fegamp, prestando especial interese ao fomento da participación de nenos e nenas con diversidade funcional en igualdade de condicións.

 


DIFERENZAS ENTRE OBSERVATORIO E CONSELLO

 


A portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez Arias, puxo de manifesto as diferencias existentes entre o Observatorio Galego de Infancia e Adolescencia e o  Consello Galego de Infancia e Adolescencia.

 


Así, o Observatorio Galego concíbese como un órgano colexiado de carácter asesor e de participación con representantes das administracións públicas, entidades e axentes sociais, que ten como obxectivo mellorar o coñecemento sobre a situación da infancia en Galicia e propoñer actuacións para mellorar.

 


Pola súa banda, o Consello Galego da Infancia e Adolescencia é un órgano colexiado permanente de participación e consulta da Xunta para a planificación e o desenvolvemento das políticas relacionadas con estes ámbitos da poboación. Deste xeito, canaliza e representa a opinión e a experiencia dos nenos e nenas galegos como cidadanía activa e de pleno dereito.

Síguenos nas redes sociais