Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Pedro Puy afirma que “estamos abochornados e indignados polo que di a sentenza do caso Gurtel”

28 May 2018

Santiago, 28 de maio de 2018. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “estamos abochornados e indignados polo que di a sentenza do caso Gurtel” e pediu “desculpas porque houbo fallos evidentes de control que propiciaron episodios de aproveitamento de cargo público do PP para enriquecerse”. Respecto da moción de censura presentada polo PSOE, Puy manifestou que “están intentando envelenar o pozo da auga de onde beben todas as forzas políticas democráticas abrindo unha especie de competición de ventilador” sobre a corrupción, e considerou “difícil de xustificar que se presente unha moción de censura sen un programa alternativo fronte a un goberno que vén de aprobar uns orzamentos xerais”.

 

Pedro Puy informou, en primeiro lugar, da incorporación de Jesús Miguel Prado Patiño como novo deputado do Grupo Popular, en substitución do recentemente falecido Carlos López Crespo.

 

Así mesmo, o portavoz popular referiuse á situación que se está a vivir no concello de Tui e asegurou que “estamos atónitos tanto polo que aconteceu no día da explosión como polo feito de que se sigan a descubrir depósitos ilegais de substancias perigosas”. Neste sentido, indicou que o Grupo Popular “está ao servizo dos veciños, apoiando que se lles axude, satisfeitos de que a Xunta sexa a única administración que ten abertas liñas de axudas e de que todas as administracións estean colaborando para que as familias poidan volver á normalidade”.

 

Respecto da sentenza polo caso Gurtel, Puy manifestou que “todos os que  formamos parte do PP nos sentimos dobremente feridos polo feito de que estas persoas se aproveitaran da nosa formación para enriquecerse”. Neste sentido, asegurou que “a inmensa maioría das persoas que militan no PP son honradas e defendemos ideas boas para Galicia e España, e ímolo seguir facendo incrementando os controis internos e externos”.

IRRESPONSABLE POR TRES MOTIVOS

Pedro Puy cualificou de “irresponsable a moción de censura presentada polo PSOE de xeito individual por tres motivos: polos efectos que provoca, polo fundamento político e polas súas consecuencias no ámbito ético”. En canto aos efectos, estamos a ver a inestabilidade política e económica que está a xerar.

 

En relación ao seu fundamento político, considerou “inaudito que apenas uns días despois de aprobar no Congreso uns orzamentos xerais por maioría absoluta, cun programa de actuacións que van beneficiar a Galicia e a España, así como a xubilados, funcionarios e aos que están accedendo ao traballo, se presente unha moción de censura sen programa alternativo”.

 

En terceiro lugar, polas consecuencias en relación co argumento empregado para a presentación da moción de censura, relacionadas coa corrupción. O portavoz popular se preguntou se o PSOE “está intentando poñer en marcha un ventilador sobre toda a política española” e cuestionou a idoneidade do PSOE para dar leccións: “Non imos admitir leccións de ética política por parte do primeiro partido político condenado en España por financiamento por ir dopado ás eleccións, como partido non como dous alcaldes de Majadahonda e Pozuelo; non imos aceptar leccións morais dun partido que está sendo hoxe investigado por feitos moi semellantes aos que di a sentenza en comunidades como Madrid ou Valencia; nin por suposto de quen ten a 576 persoas imputadas no caso dos ERE e dos cursos de formación en Andalucía, por contías moito máis elevadas e actividades pouco edificantes como as que coñecíamos a semana pasada”, sinalou.

                                   

Así  mesmo, Puy engadiu que esta moción de censura “vaise apoiar noutras formacións políticas como o PDCAT, que tamén foi condenado por financiamento ilegal e que ten un presidente fuxido por rachar a convivencia social na súa comunidade autónoma; ou con grupos como PODEMOS, Compromís ou En Marea, que están sendo investigados en Valencia por financiamento ilegal”. “Non queremos entrar neste tipo de polémicas, porque cremos que é envelenar a auga da que bebemos todos os partidos democráticos”, indicou.

FEITOS ALLEOS A GALICIA

Referíndose en concreto a Galicia, Pedro Puy sinalou que “non podemos aceptar que se queira estender a sospeita e traer un debate a Galicia que a propia sentenza fai que sexa alleo á nosa comunidade”. Así, explicou que a sentenza, no seu punto primeiro de feitos probados, fai un relatorio exhaustivo e pormenorizado de todas as pezas xudiciais desgaxadas da principal en relación coa causa Gurtel e “ningunha desas pezas separadas establece relación co Partido Popular de Galicia”.

 

O portavoz popular lembrou que un dos condenados nesta sentenza foi secretario de organización do PPdeG entre os anos 1995 e 2003, “pero a súa condena non ten nada que ver con actividades realizadas desde o PPdeG e se refire a actividades persoais levadas a cabo no seu traballo nunha empresa fóra de Galicia”.  “Polo tanto, non imos a contribuír a estender sospeitas sobre a honorabilidade da organización do PP en Galicia, cando xustamente a sentenza deixa ben as claras que o PPdeG non ten nada que ver cos feitos condenados”, subliñou.

 

De cara ao futuro a curto prazo, Pedro Puy sinalou que “desexamos que se supere a moción de censura, se restableza a normalidade, se aproben os orzamentos e se remate a lexislatura”, porque asegurou que “hai un evidente e claro apoio ao Presidente de España, Mariano Rajoy, do mesmo xeito que hai un apoio claro a Alberto Núñez Feijóo como Presidente da Xunta”. “Todo o demais son especulacións e intoxicacións ás que nós non lle imos prestar a maior atención”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais