Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento demanda o impulso da marca Artesanía de Galicia

29 May 2018

Santiago, 29 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta o impulso do uso da marca Artesanía de Galicia nos establecementos comerciais e na comercialización dixital, coa finalidade de contribuír á súa visibilidade, fidelización e prestixio”. En concreto, a portavoz de Comercio, Cristina Romero, explicou que “se trata de facer moito máis sinxelo o procedemento para o uso desta marca, tanto polos establecementos comerciais como polos obradoiros”.

 

Cristina Romero subliñou que, “nun momento como o presente, caracterizado por mercados cada vez máis globalizados, a diferenciación é un valor engadido en alza”. “A marca Artesanía de Galicia tense convertido nunha das principais fortalezas deste sector, contribuíndo notablemente a este bo posicionamento da nosa artesanía,  xa que ofrece un distintivo cada vez máis recoñecido dentro e fora das nosas fronteiras; así como nunha ferramenta de impulso e posicionamento dos produtos artesanais nacional e internacionalmente”, apuntou.

 

DOBRE FINALIDADE

Neste sentido, explicou que o impulso do uso da marca Artesanía de Galicia nos establecementos comerciais ten unha dobre finalidade: por unha banda, dar a coñecer en maior medida o produto artesán galego e as características e especificidades do mesmo entre o público en xeral non afeito a comprar artesanía e, por tanto, descoñecedor da súa alta calidade; e, por outra banda, aproveitar a boa imaxe do sector e da marca entre o público máis especializado, achegando o produto a estes clientes.

 

Deste xeito, Cristina Romero afirmou que a proposición non de lei aprobada hoxe “pretende que se leve a cabo un maior esforzo de visibilización e presenza do distintivo desta marca, prestando unha maior atención aos establecementos comerciais para que aumento o coñecemento e a súa demanda polas persoas consumidoras”.

 

A portavoz popular salientou que na actualidade o sector da artesanía galega “está en auxe, con preto de 3.000 artesáns rexistrados, máis de 60 tendas e 550 obradoiros, o que representa un incremento dun 27 por cento nos últimos cinco anos”. “Trátase dun sector que estase a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística especialmente no rural, así como nun dos mellores viveiros empresariais de novos creadores”, asegurou.

Síguenos nas redes sociais