O Parlamento demanda que a Xunta valore a inclusión do reto demográfico na Estratexia de Investimento Territorial Integral da UE

31 May 2018

Santiago, 31 de maio de 2018. O Parlamento aprobou esta mañá, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a considerar, de cara ao período post 2020, unha proposta de aplicación de fondos na Estratexia do Investimento Territorial Integrado da Unión Europea co obxectivo de axudar a reverter a situación de regresión demográfica na que se atopan moitas comarcas galegas.

 

O ITI é un instrumento que se enmarca nas políticas de cohesión da Unión Europea e que permite levar a cabo accións dunha forma integrada, afrontar problemáticas en zonas con características territoriais particulares e recorrer ao financiamento a través de diversos fondos e programas comunitarios. “O reto demográfico é un problema global e estrutural que require solucións globais e transversais”, manifestou a deputada popular, Raquel Arias.

 

AVALIANDO RESULTADOS

A proposta aprobada hoxe formúlase de cara ao período 2021-2027 xa que no actual, de 2014 a 2020, xa existen varios ITIs vixentes. De feito, a día de hoxe estanse avaliando os resultados acadados ata o de agora nas estratexias establecidas.

 

O marco post 2020 está en proceso de elaboración por parte da Comisión Europea, regulamentación que será o punto de partida do novo período. Esta mesma semana presentouse o primeiro borrador, que contempla o apoio ao desenvolvemento territorial integrado.

 

Este é un paso máis do Partido Popular na busca de respaldo económico por parte da UE para afrontar o cambio demográfico. “O Goberno da Xunta leva tempo demandando ante a Unión Europea que se teña en conta a realidade demográfica de cada territorio á hora de distribuír os fondos”, explica Arias. 

 

ACCIÓNS DO GOBERNO GALEGO

Ao mesmo tempo, o Goberno galego leva anos desenvolvendo accións en todas as áreas implicadas na recuperación da poboación, como é o caso do Plan de Apoio á Natalidade, un paquete de medidas económicas e de servizos de conciliación aos pais e nais para impulsar o crecemento demográfico. En materia de conciliación enmárcanse tamén as escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos.

 

“A Xunta ten como obxectivo prioritario que no 2020 todos os concellos galegos dispoñan dun recurso de conciliación”, explicou a deputada popular. Neste sentido, de cara ao curso escolar 2018/2019, prevese chegar ás 23.500 prazas en escolas sostidas con fondos públicos, polo que Galicia se situará nunha ratio de cobertura superior ao 40 por cento, sete puntos por riba da media que recomenda a UE.

Síguenos nas redes sociais