O Grupo Popular defende reducir o prezo da electricidade producindo mellor e máis barato

29 Jun 2018

Santiago, 29 de xuño de 2018.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, manifestou hoxe no Parlamento que “é necesario reducir o prezo da electricidade, pero producindo mellor e máis barato, ao tempo que se axuda aos máis necesitados con medidas sociais como as que leva facendo o Goberno galego desde hai anos”.

Marta Nóvoa criticou que o BNG “volva traer ao Parlamento unha proposta que pide eliminar o imposto de electricidade, presente na maior parte das facturas dos consumidores da Unión Europea e que en España recada arredor de 1.400 millóns de euros, que posteriormente reverten nas comunidades autónomas”. “A min gustaríame saber por que outro imposto substituirían este imposto e de onde sacarían eses cartos que as comunidades autónomas invisten en cuestións sociais, sanitarias ou educativas”, apuntou. 

 

ABARATAMENTO DA ELECTRICIDADE

Ademais, Nóvoa sinalou que o BNG “volve traer aquí unha proposta que podería incrementar o déficit tarifario, que o Goberno central do PP conseguiu conter nos últimos anos”. “Coa súa proposta, vostedes solicitan menos recadación, menos financiamento e maior incremento do déficit tarifario”, dixo.

 

A nivel de Galicia, a portavoz popular lembrou que o Goberno galego leva anos demostrando que aposta por contribuír ao abaratamento da electricidade. En primeiro lugar, axudando a máis de 13.000 familias nos últimos catro anos co tícket eléctrico e desde o pasado ano, coa aprobación en solitario polo Grupo Popular no Parlamento da Lei de medidas de eficiencia e de garantía de acceso á enerxía eléctrica, facilitando que ningunha familia con baixos recursos se lle poida cortar a electricidade.

 

“Pero tamén é fundamental a concienciación sobre a eficiencia no consumo da enerxía eléctrica nos fogares, nas empresas, no sector industrial e, incluso, na propia administración”, sinalou Marta Nóvoa.

 

Así mesmo, considerou “clave contribuír a xerar cada vez máis enerxía renovable, que permitirá abaratar o prezo e xerará traballo e riqueza económica en Galicia”. Para isto, a Xunta aprobou unhas directrices enerxéticas que permitirán xerar máis de 1.500 megavatios nos dous próximos anos de orixe renovable, de maneira que nos siga a colocar no cumio das comunidades que xeran máis enerxía limpa de España”.

Síguenos nas redes sociais