O Parlamento solicita que a Xunta informe no Parlamento das xestións que está a facer para analizar o impacto do Brexit en Galicia

29 Jun 2018

Santiago, 29 de xuño de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a presentar, para o seu debate na Cámara antes do fin de 2018, o posicionamento da Xunta nos eidos identificados como prioritarios no seu documento de análise do impacto do Brexit en Galicia.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou que “damos moita importancia ao impacto que terá o Brexit en Galicia polas persoas que residen no Reino Unido; polas empresas exportadoras, especialmente por algúns sectores como a pesca; e porque incide na configuración e no futuro da Unión Europea, que está atravesando unha das crises institucionais máis importantes da súa historia”.

 

“A negociación estase a comprobar que resulta moi complexa e que está a xerar moitas incertezas”, manifestou Pedro Puy. Deste xeito, salientou, en primeiro lugar, que a Xunta está a facer un traballo de seguimento moi intenso da situación en relación cos intereses galegos, como o demostra a posta en marcha do Foro Galego de Seguimento do Brexit; os estudos realizados sobre impacto do Brexit nalgúns sectores estratéxicos, como a pesca; e a predisposición a comparecer no Parlamento no vindeiro período de sesións para dar conta do estado das negociacións e o seu impacto en Galicia conforme as negociacións vaian avanzando.

Síguenos nas redes sociais