O Grupo Popular salienta que “as mulleres son un colectivo prioritario nos programas de formación e mellora da empregabilidade da Xunta

29 Jun 2018

Santiago, 29 de xuño de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, subliñou hoxe no Parlamento que “as mulleres son un colectivo prioritario nos programas de formación e mellora da empregabilidade da Xunta e contan cun 25 por cento máis de axuda en todos os programas cos que se incentiva a contratación”. “Estas políticas de emprego do PPdeG están funcionando e mostra disto é que no último ano o desemprego feminino reduciuse en Galicia un 9 por cento e sete de cada dez mulleres ocupadas teñen un contrato indefinido”.

 

Paula Prado lembrou que a Xunta “puxo en marcha un programa de axudas específico para a contratación indefinida de mulleres desempregadas co obxectivo de dar resposta ás dificultades que atopan para a súa inserción e permanencia no mercado de traballo”.

 

BONO DE 7.000 EUROS

En concreto, este programa contará cun investimento superior aos 1,5 millóns de euros para fomentar o emprego de calidade para mulleres e inclúe un bono de 7.000 euros por cada desempregada que a empresa contrate e axudas á formación de 1.000 euros por persoa para mellorar os coñecementos e habilidades relacionados co posto laboral. “Estas axudas se incrementan nun 25 por cento se as beneficiarias son maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou se a empresa está emprazada no rural, polo que a contía máxima pode chegar a 13.250 euros por persoa”, puntualizou.

 

A viceportavoz popular tamén se referiu ao programa Emprega en Feminino, co que se está impulsando o papel da muller no eido laboral e que ten beneficiado a 80.000 mulleres entre 2017 e o que vai de 2018 cun investimento aproximado de 108 millóns de euros.

 

En materia de emprego xuvenil, Paula Prado lembrou que “na última lexislatura investíronse 150 millóns en políticas activas de emprego xuvenil e, na actualidade, a Xunta suma novas iniciativas”. Entre estas novas actuacións, destacou o programa Emprega Xuventude, que ofrece formación e unha oportunidade laboral en todos os sectores de actividade para contratar 300 menores de 30 anos cun investimento de preto de 1,9 millóns de euros; e un plan pioneiro de formación para desempregados que, con 4,3 millóns de euros entre 2017 e 2018, prevé formar, a través de 160 cursos, a preto de 2.500 mozos.

 

Síguenos nas redes sociais