O Parlamento galego demanda ao Goberno central beneficios fiscais para os afectados pola explosión de Tui

29 Jun 2018

Santiago, 29 de xuño de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central beneficios fiscais para os afectados pola explosión de Tui, que van desde a exención do imposto da renda nas axudas percibidas; as cotas sobre o imposto de bens inmobles das vivendas, establecementos industriais ou locais de traballo; ou das taxas de Tráfico para a tramitación da baixa dos vehículos, ata a redución do imposto de actividades económicas ás industrias cuxos locais fosen danados polo accidente.

 

O deputado popular Moisés Rodríguez sinalou que a explosión de material pirotécnico rexistrada o pasado 23 de maio na parroquia de Paramos “ocasionou danos persoais irreparables, ademais de cuantiosos danos materiais nas vivendas de moitas familias e negocios, así como en vehículos”.

 

“Esta situación de emerxencia humanitaria e social para os afectados fai necesario articular mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administracións implicadas a través dun sistema de axudas que palíen os danos causados pola explosión, que atendan as situacións de necesidade dos veciños e persoas afectadas e contribúan á restauración comunitaria e urbanística da zona afectada para que volva á normalidade”, sinalou.

 

Neste sentido, salientou que a Xunta aprobou o 31 de maio unha serie de medidas urxentes para a reparación dos danos causados pola explosión, dirixidas tanto a persoas en situación de orfandade como aos danos causados en vivendas; establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís; ou nas explotacións agrarias e gandeiras.

 

“Co obxectivo de dar unha cobertura total aos afectados, o Grupo Popular quere que se contemplen tamén as consecuencias fiscais que ten a percepción da axudas concedidas, de xeito que o Goberno central non cobre determinados impostos que gravan feitos ou actividades que non se poden desenvolver a consecuencia da explosión”, explicou Moisés Rodríguez.

 

EXENCIÓNS NOS IMPOSTOS

En concreto, a proposición non de lei aprobada hoxe demanda que o Goberno central exima aos afectados de pagar o IRPF das axudas autonómicas percibidas, así como das cotas do imposto sobre bens inmobles correspondentes ao exercicio 2018 que afecten a vivendas, establecementos industriais e mercantís, locais de traballo e similares, de natureza urbana, situados no ámbito xeográfico de afectación da explosión. Tamén se pide a exención das taxas da Xefatura Central de Tráfico para a tramitación das baixas de vehículos solicitadas como consecuencia dos danos producidos pola explosión.

 

Así mesmo, a iniciativa parlamentaria pide que a Administración central reduza o imposto sobre actividades económicas correspondente ao exercicio 2018 ás industrias e establecementos mercantís e profesionais cuxos locais de negocios ou bens afectos a esa actividade fosen danados como consecuencia directa da explosión, sempre que tivesen que ser obxecto de realoxamento ou se producisen danos que obriguen ao peche temporal da actividade. Esta redución será proporcional ao tempo transcorrido desde o día en que se producise o cesamento da actividade ata o seu reinicio en condicións de normalidade, xa sexa nos mesmos locais ou noutros habilitados ao efecto.

 

A proposta incorpora tamén unha redución dos índices de rendemento neto no método de estimación obxectiva do imposto sobre a renda das persoas físicas para actividades agrícolas e gandeiras afectadas pola explosión.

 

FINANCIAMENTO PARA O CONCELLO DE TUI

Así mesmo, e logo dunha transacción co Grupo Socialista e o BNG, acordouse que a Xunta estableza para as persoas afectadas unha dedución da cota íntegra autonómica do 100 por cento das cantidades realizadas en investimentos non empresariais coa finalidade de paliar os danos sufridos, pola parte que exceda das cantidades percibidas por axudas ou subvencións ou por coberturas de seguros; que acelere as correspondentes convocatorias de axudas aínda pendentes, en consonancia co recollido no Decreto 55/2018, do 31 de maio; que estableza unha liña singular de financiamento  a favor do concello de Tui para poder compensarlle a lo menos parte dos gastos derivados das diversas actuacións realizadas pola catástrofe acontecida; que favoreza, en coordinación co Concello de Tui, a dilixente tramitación da figura que permita unha ordenación urbanística axeitada; e que, de xeito periódico, canto menos trimestralmente, realice e remita ao Parlamento de Galicia un informe ao respecto da situación do estado das axudas e actuacións levadas a cabo.

 

Por último, demándase do Goberno español a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil regulada na Lei 17/2015, a zona de Paramos.

 

Porén, Moisés Rodríguez lamentou que Partido Socialista e BNG rexeitarán incorporar á proposición non de lei unha solicitude para que o Goberno central e a Deputación de Pontevedra destinen fondos extraordinarios que, complementando as axudas da Xunta, puideran cubrir a totalidade dos danos producidos e o conxunto das necesidades xurdidas pola explosión.

Síguenos nas redes sociais