Paula Prado avoga por lexislar para que as plantas de tratamento de residuos garden unha distancia mínima cos núcleos de poboación

24 Jul 2018
Santiago, 23 de xullo de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, considerou hoxe necesario que as plantas de tratamento de residuos, como a que se prevé construír na antiga canteira de Casalonga en Teo, “garden unha distancia mínima cos núcleos de poboación como xa acontece agora coas granxas de gando”. Deste xeito, anunciou que “proporemos que se lexisle neste sentido, ao tempo que demandamos que se cumpra estritamente a lexislación vixente e o establecido no Plan de xestión de residuos industriais de Galicia”.
 
 

 

Paula Prado desprazouse esta tarde ata os terreos da antiga canteira de Casalonga en Teo, acompañada do eurodeputado do Partido Popular Francisco Millán Mon; os alcaldes de Rois, Ramón Tojo; de Padrón, Antonio Fernández; e de Dodro, Valentín Alfonsín; e os voceiros do PPdeG nos concellos de Santiago, Agustín Hernández; de Teo, José Manuel Guerra; e de Ames, Oliva Agra, onde mantivo un encontro con representantes da plataforma Casalonga Limpa.
 
 

 

“Queremos expresar o noso firme rexeitamento á instalación nesta antiga canteira dunha planta de tratamento de residuos nas proximidades de núcleos de vivendas residenciais, que traerá prexuízos tanto aos veciños do concello de Teo como aos mananciais de auga existentes e a importantes valores patrimoniais, como o Camiño de Santiago”, manifestou.
 

 

 

DISTANCIA MÍNIMA
 
 

 

Neste sentido, a viceportavoz considerou “oportuno que se obrigue a este tipo de instalacións de tratamento de residuos, do mesmo xeito que se fai coas granxas gandeiras, a gardar unha distancia mínima dos núcleos residencias”, polo que anunciou que “demandaremos que se lexisle neste sentido para evitar estas situacións”.
 
 

 

“A localización idónea destas plantas de tratamento de residuos sería nos polígonos industriais e non en zonas urbanas ou rústicas na proximidade de vivendas, tal e como xa se recolle no Plan de residuos industriais de Galicia (Priga) aprobado pola Xunta e que tamén será fundamental para determinar a continuidade do proxecto”, explicou.
 
 

 

Por outra banda, Paula Prado indicou que “é fundamental a coordinación das administracións implicadas na tramitación deste proxecto, unha situación que atinxe tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Teo”.
 
 


Respecto da responsabilidade do Concello, Prado lembrou que “ten pendente de elaborar un informe de compatibilidade urbanística sobre o proxecto da nova planta de residuos”. “Este documento é fundamental para determinar se a tramitación administrativa do proxecto continúa ou se pecha”, concretou, para lamentar que “esta solicitude leva case dez meses enriba da mesa do alcalde, sen que a día de hoxe se teña pronunciado sobre o mesmo”.

Síguenos nas redes sociais