O GPP insta á Xunta a seguir impulsando a atención ás persoas en situación de dependencia e avanzar nos compromisos co Estado no novo sistema de financiamento

27 Ago 2018

Santiago, 27 de abril de 2018. A voceira de Asuntos Sociais do PPdeG, Marta Rodríguez Arias, presentou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa na que demanda que a Xunta continúe a impulsar a atención ás persoas en situación de dependencia, a través das súas propias actuacións como o  Plan de apoio á Dependencia presentado recentemente, e avanzando nos compromisos co Estado no novo sistema de financiamento da dependencia.

 

Así, Marta Rodríguez sinalou o compromiso do Estado e as Comunidades autónomas, dun novo sistema de financiamento que teña en conta os diferentes servizos que se prestan e o seu custo de acordo coas características que presenta Galicia, no que respecta  a porcentaxe de persoas maiores e a dispersión. E, así mesmo, solicitou acordar co Goberno do Estado o incremento dos fondos para poder cumprir o obxectivo de financiamento establecido na Lei de Dependencia, para poder mellorar os servizos e prestacións, así como para poder atender ás persoas recoñecidas e que están agardando.

 

Nese sentido, a deputada popular sinalou que, no 2017 o coste do sistema de atención á dependencia foi para Galicia de 334M€, dos que Galicia aportou o 75%  e o Estado o 25% e “polo tanto se o Estado cumprise coa súa parte de financiamento non habería lista de espera” sinalou Marta Rodríguez Arias.

 

NOVO IMPULSO NA ATENCIÓN Á DEPENDENCIA

A voceira popular destacou que, segundo indica o último informe do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Galicia rexistra un notable impulso na atención á dependencia nos últimos anos. Así, a nosa Comunidade pasou dunha ratio de atención do 61,5% en outubro de 2015 a unha ratio do 85,75% en xuño do presente ano, o que sitúa a Galicia cinco puntos por riba da media do Estado e significa que en menos de tres anos Galicia incrementou a cobertura en máis dun 23%.

 

Así mesmo, o esforzo de atención aos maiores é posible, segundo Marta Rodríguez Arias, debido ao incremento dos recursos económicos destinados para este fin nos últimos anos e, en concreto, no actual 2018 a Xunta destinou 360M€ para atender ás persoas en situación de dependencia, o que supón 30M€ máis que no 2017 e 243M€ máis que no 2009.

 

Neste novo impulso na atención ás persoas en situación de dependencia, a voceira popular destacou o Plan presentado pola Xunta no presente mes de agosto “que permitirá ampliar a cobertura a máis de 60.000 persoas antes de que remate este ano e que contará cun investimento de 21M€.

 

Estas novas medidas que aplicará o Goberno autonómico son as referidas á creación do Bono Autonomía en Residencia e o Reforzo do Servizo de Axuda no Fogar , dos que tamén solicita información a iniciativa presentada pola deputada popular.

 

Ao respecto do Bono Autonomía en Residencia, o investimento da posta en marcha desta axuda directa para aquelas persoas que están á espera dunha praza nunha Residencia Pública, superará os 6,3M€ e poderá beneficiar a preto de 1.000 persoas, segundo indicou Marta Rodríguez.

 

Así mesmo, sinalou que o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar , que na actualidade atende a máis de 21.600 galegos e galegas usuarios, contará con 14,7M€ e preto de 3000 persoas poderán sumarse ao mesmo.

 

Marta Rodríguez Arias sinalou tamén o esforzo do Goberno galego en ampliar as prazas residenciais, públicas ou concertadas con fondos públicos, dispoñendo na actualidade Galicia de 7.820 prazas e en 2018 está prevista a posta en servizo dun total de 9 residencias públicas cun total de 160 prazas. “A través  da construción de 7 novas residencias nas 7 grandes cidades de Galicia se porán a disposición dos maiores un total de 900 prazas residenciais” indicou a deputada popular.

Síguenos nas redes sociais