O Parlamento demanda a mellora do trazado na estrada OU-636 entre Freixido e A Pobra de Trives

29 Nov 2018
Santiago, 29 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda que a Xunta inicie a redacción dun proxecto de mellora e acondicionamento de trazado da estrada OU-636 entre Freixido e A Pobra de Trives, co obxectivo de que poida estar redactado e aprobado no ano 2019 para, a continuación, seguir coa tramitación necesaria para a execución das obras.
 
 

 

O deputado popular Moisés Blanco explicou que a OU-636 é unha estrada de titularidade autonómica cunha lonxitude de 21,14 quilómetros, nos que se ascenden máis de 400 metros. “Esta estrada ten unha forte compoñente histórica, xa que se corresponde co antigo trazado da N-120, seguindo o camiño romano XVIII da Vía Romana que comunicaba as cidades de Bracara Augusta e Asturica Augusta”, apuntou.
 
 

 

DESGASTE DA CALZADA E TRAZADO SINUOSO
 
 

 

“O arranxo desta estrada ten sido unha demanda constante por parte dos veciños da comarca e do propio alcalde de Trives, xa que moitos residentes nesta zona se desprazan por ela ata os seus centros de traballo ou para realizar diferentes xestións no ámbito administrativo ou sanitario que principalmente se prestan no Barco de Valdeorras”, manifestou o deputado popular.
 

 

 

Blanco sinalou que esta estrada “presenta un gran desgaste, acrecentado pola gran cantidade de tráfico pesado que soporta, e un sinuoso e complicado trazado, tanto polas numerosas curvas do seu trazado como pola estreiteza da propia calzada, o que dificulta moito a circulación cun límite de velocidade que non chega aos 50 quilómetros por hora”.
 
 


Na súa intervención, o deputado popular lembrou que a Xunta investiu recentemente cerca de 600.000 euros na renovación e mellora do firme desta estrada. “Valoramos positivamente esta actuación, pero desde o Grupo Popular consideramos que neste momento temos que apostar por un proxecto máis amplo e ambicioso, encamiñado a conseguir a mellora do trazado con actuacións concretas en varios dos puntos máis complicados desta estrada, nomeadamente nas curvas existentes no termo municipal de Pobra de Trives”.

Síguenos nas redes sociais