O Grupo Popular demanda que a Xunta estude incrementar a seguridade na rotonda de Beltrán en Xove

29 Nov 2018
Santiago, 29 de novembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez demandou hoxe no Parlamento que a Xunta estude implantar novas medidas de reforzo da seguridade na rotonda de Beltrán no concello de Xove, no enlace da vía de alta capacidade CG-2.3 coa estrada LU-862. Así mesmo, demándase que o Goberno do Estado axilice a redacción dos proxectos e a execución das obras da A-74, “de xeito que se dea continuidade ao treito Celeiro-San Cibrao da VAC Costa Norte e minimizará o tráfico na rotonda de Beltrán”.
 

 

Julia Rodríguez lamentou que os socialistas galegos rexeitaran a proposta do  Grupo Popular, “amosando o seu nulo interese por mellorar a seguridade neste punto, tanto de vehículos como das persoas, xa que ademais de pedir ao Goberno galego que analice as medidas necesarias para optimizar o tráfico neste punto tamén é necesario que o seu Goberno amigo en Madrid avance na execución das obras da A-74 que repercutirán positivamente no tráfico que pasa por esta rotonda”.
 
 
 

 

MEDIDAS XA INSTALADAS EN AGOSTO DE 2017
 
 

 

Porén, a deputada popular recoñeceu que “cando se producen cambios, e mentres os usuarios non se acostuman á nova ordenación da circulación, poden producirse incidencias”, pero “non é certo que non se lle teña dado resposta ás peticións dos veciños”. Neste sentido, lembrou que a Xunta xa instalou en agosto de 2017, co asesoramento da Garda Civil de Tráfico, redutores de velocidade e reforzou a sinalización, tanto vertical como horizontal, para advertir da existencia da glorieta e da limitación da velocidade.
 
 

 

“Non obstante, e no afán de mellorar a seguridade viaria neste punto, consideramos necesario que a Xunta estude a conveniencia de implantar máis medidas de reforzo de acordo cos requisitos esixidos na normativa de seguridade viaria”, sinalou Julia Rodríguez.
 
 

 

PERDA DE TRÁFICO COA APERTURA DA A-74
 
 

 

Ademais, manifestou que “a glorieta de Beltrán parte dun enlace provisional que previsiblemente perderá a maior parte do seu tráfico cando o Goberno central execute e poña en servizo a autovía da Mariña A-74, que enlaza directamente co treito Celeiro-San Cibrao da vía de altas prestacións Costa Norte”.
 
 


“Por este motivo, tamén demandamos que o Goberno do Estado axilice a redacción dos proxectos e a execución das obras da A-74, cuestión que os socialistas galegos non comparten para non comprometer neste momento ao Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais