O Grupo Popular defende a creación dun plan integral de formación náutico pesqueira na Mariña

05 Dic 2018
Santiago, 4 de decembro de 2018.- O deputado popular, Daniel Vega, defendeu esta tarde no Parlamento o desenvolvemento dun plan integral de formación náutico pesqueira para a Mariña lucense, no que se contemple a emisión de Certificados de Profesionalidade.
 
 
Do mesmo xeito, avogou por analizar a implantación nos centros existentes de ciclos de formación náutico pesqueira e da FP Dual, como xa está a funcionar no resto da comunidade nesta especialidade. Precisamente, durante a súa intervención, Vega avanzou que o Grupo Popular presentará no vindeiro pleno unha proposición non de lei recollendo estas demandas.
 

 

 

Daniel Vega salientou a forte aposta que o Goberno galego está a facer por unha formación náutico pesqueira de calidade, que se traduce “en máis de nove millóns de euros asignados”. Nos dous últimos anos, as contías destinadas a este fin medraron preto dun 8%, un 32% desde o 2015.
 
 

 

Acusou á oposición de mentir, xa que se ofrece formación na área da Mariña e destacou que, no último ano, téñense realizado máis de nove cursos; e que, antes de finalizar este 2018, realizaranse outros tres.
 

 

 

Dixo, ademais, que na actualidade existen en Galicia catro centros que imparten formación en materia marítimo-pesqueira; ademais do Instituto Galego de Formación en Acuicultura –dependente da Consellería do Mar- onde tamén se ofertan ciclos. Lembrou, tamén, que A Mariña lucense conta con dúas aulas de formación pesqueira, unha situada en Burela e outra en Celeiro. Neste senso, indicou que a oferta formativa cobre a demanda actual.
 
 
 
 
ESCOLA NÁUTICA PESQUEIRA NA MARIÑA
 
 


Por outra banda, amosouse sorprendido porque o Grupo Socialista propoña agora unha escola náutica-pesqueira na Mariña, un proxecto formulado polo PPdeG que foi paralizado durante o Goberno bipartito. Para Daniel Vega, “isto pon de manifesto a súa mala conciencia”.

 
 
 

Tal e como dixo, o Goberno galego conformado por socialistas e nacionalistas “non só paralizou este proxecto, senón que ademais puxo en dúbida a necesidade real de contar con estas instalacións”. “É máis, tanto no 2007 coma no 2008, votaron en contra da inclusión desta proposta, primeiro no Debate sobre o Estado de Autonomía, e, un ano máis tarde, nos orzamentos”, engadiu.

Síguenos nas redes sociais