Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Puy afirma que “todos deberíamos estar contentos de conseguir a transferencia da AP-9 e non andar mirando quen ten máis mérito”

10 Dic 2018
Santiago, 10 de decembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe, en relación ao debate que terá lugar mañá no Congreso sobre a proposición de lei para a transferencia da AP-9 á Comunidade galega, que “o importante é que consigamos a transferencia desta autoestrada e que poidamos xestionar esta infraestrutura desde Galicia”, polo que “todos deberíamos estar contentos de conseguilo e non deberíamos andar mirando quen ten máis mérito, tendo en conta que a proposición foi aprobada no Parlamento de Galicia coa maioría absoluta do PPdeG e que agora a súa tramitación no Congreso vai contar co respaldo do grupo maioritario do PP”.
 
 

 

Pedro Puy lembrou que tres deputados do Parlamento galego, entre eles o popular Martín Fernández Prado, defenderán mañá no Congreso a toma en consideración do proposición de lei para a transferencia da AP-9 a Galicia. “A situación actual é boa desde o punto de vista político”, sinalou, para engadir que “o Grupo Popular no Congreso votará a favor da admisión a trámite desta proposición de lei e confiamos que haxa unha maioría suficiente para que saia adiante”, de xeito que ”no proceso de emendas se mellore e se posibilite a apertura do diálogo entre as administracións estatal e galega para concretar o traspaso”.
 
 

 

Así mesmo, salientou que este debate no Congreso “vence unha resistencia antiga por parte da Administración Xeral do Estado” para a transferencia desta autoestrada, que desde o Grupo Popular se considera posible dado que discorre na súa totalidade por territorio galego e non ten continuidade cara outras comunidades autónomas; non sirve de acceso a pasos fronteirizos, xa que as conexións con Portugal fanse a través doutras estradas de titularidade estatal; e non conecta ningún aeroporto nin porto de interese xeral do Estado.
 

 

 

O portavoz popular sinalou que a solicitude de transferencia da AP-9 foi aprobada por unanimidade do Parlamento galego nos anos 2016, 2017 e 2018, ao considerarse esta autoestrada “unha arteria fundamental para a vida económica do país e que mellorará a súa xestión coa transferencia á Comunidade galega”.
 

 

 

SETE SESIÓNS DA COMISIÓN DE SANIDADE
 

 

 

Puy informou, ademais, que o Grupo Popular solicitou a celebración de sete sesións extraordinarias da Comisión de Investigación sobre a sanidade pública galega para avanzar coas comparecencias previstas no plan de traballo nas vindeiras semanas. Estas sesións sumaranse as dúas previstas para esta semana, nas que comparecerán representantes do Consello de Contas, do Servizo de Oncoloxía Médica da EOXI de Santiago; de SOS Sanidade Pública; da Asociación de Hospitais de Galicia (AHOSGAL); da Federación Galega de Enfermidades Raras; da Asociación Galega de Hemofilia; da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C; ou da Asociación Galega de Transplantes Airiños.
 
 


O portavoz popular indicou que a Comisión 3ª rematará entre hoxe e mañá a tramitación dos orzamentos da Xunta, de xeito que quedarán listos para o seu debate de aprobación definitiva en Pleno a vindeira semana. ”Seremos a primeira comunidade autónoma en contar con orzamentos para 2019, gracias á vantaxe de contar con estabilidade institucional”, sinalou Pedro Puy, quen recordou que as contas “permitirán reforzar o gasto social, aumentar os investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas de impostos”.

Síguenos nas redes sociais