Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo di que "votar BNG será votar ao independentismo catalán e ao peor dos independentismos vascos"

17 Dic 2018

16, decembro, 2018. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, advertiu, esta mañá, que o próximo 26 de maio, votar BNG será votar tamén ao independentismo catalán e ao peor dos independentismos vascos, xa que os candidatos do BNG, sexan de Carballo ou de calquera outro concello, irán en coalición con ERC e Bildu.

Dixo tamén que, do mesmo xeito que non se vai atopar noutro partido o que se busca no Partido Popular –xestión, a defensa da Constitución e unha idea de España e de Galicia-, tampouco se vai encontrar en ningunha outra formación un goberno que goberne. Neste senso, Feijóo contrapuxo a estabilidade de Galicia fronte a incapacidade para gobernar do executivo de Pedro Sánchez, por estar sometido ao ditado de Podemos, ao mandato de quen o apoiou na moción de censura, e en débeda permanente con nacionalistas e independentistas.

 

Para o presidente dos populares galegos, ao igual que acontece en España, tampouco hai goberno naquelas comunidades nas que o socialismo se apoia neses mesmos socios nin tampouco naqueles concellos onde o nacionalismo e o populismo son os que poñen ou quitan alcaldes.

 

Pero si “hai goberno que goberna en Galicia”, indicou o líder do PPdeG, xa que pode desenvolver un proxecto e onde o seu único pacto é cos galegos. Mostra diso son as iniciativas que cada semana se aproban nos Consellos da Xunta; os proxectos que se desenvolven na provincia e no concello e, tamén, a posta en marcha de máis infraestruturas, oportunidades e servizos. Por iso, fixo fincapé en que tanto a Galicia, aos concellos e aos galegos venlle mellor un goberno como o do PPdeG que un desgoberno como o de España. “A maioría dos galegos coincidimos en que canto mellor irían as cousas en España se funcionaran como en Galicia”, sinalou.

 

O VALOR DO PARTIDO POPULAR

Feijóo reivindicou o valor do Partido Popular e amosouse orgulloso de pertencer a el, por ser unha formación que gobernou e superou as dúas crises máis grandes que viviu este país; por contribuír ao progreso e á democracia e por ser clave na transformación de Galicia. “Un partido que sabe conectar coa maioría dos galegos, aberto e que sabe sumar a diferentes persoas e pensamentos entorno a obxectivos que son comúns”, dixo Feijóo, quen destacou tamén a capacidade de “repoñerse a momentos difíciles”, así como saber afrontar unha renovación case sen precedentes.

 

Así, o líder do PPdeG avogou por seguir traballando co listón máis alto, con ilusión e exercendo a vocación de servizo con humildade e buscando o mellor para os galegos. “Sigamos facendo deste Partido Popular o partido que a xente busca e que espera que sexamos”, engadiu.

 

“O PASO ADIANTE” DE AURELIO NÚÑEZ

O líder dos populares galegos agarda que o paso adiante dado por Aurelio Núñez para ser o candidato á Alcaldía de Carballo sexa tamén o paso adiante de todo o concello. Neste senso, destacou que o traballo, as ganas e a ilusión do partido fan que se poida “ir a por todas” neste municipio. “Aurelio está aquí porque non entende a política como acomodo. Está para escoitar, para falar, pero, sobre todo, para facer”, salientou.

 

Feijóo indicou que, xa que os veciños de Carballo son puxanza e o motor de Galicia, o concello non pode seguir estando gobernado pola inercia, senón que ten que avanzar con pasos firmes. Para iso, o PPdeG conta cun proxecto que propón un cambio que substitúa a inercia por pasos adiante, o acomodo por inconformismo, a rutina polas ideas e a pasividade pola acción.

 

Para rematar, sinalou que non hai que elixir entre Carballo, Galicia e España: “Pódese elixir Carballo, Galicia e España”, algo que, tal e como dixo Feijóo, non está nin no nacionalismo, nin en partidos que demostran só quererse a si mesmos e gobernan sometidos ao nacionalismo, nin en partidos que non saben o que é Carballo. “Está –finalizou- no proxecto de Aurelio Núñez e no Partido Popular”.

Síguenos nas redes sociais