Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo di que o PP é un partido de xestión e goberno e contrapono á frivolidade doutras formacións que danan as institucións

17 Dic 2018

17, decembro, 2018. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, dixo, esta tarde en Culleredo, que o PP é un partido de xestión e de goberno e contrapuxo á frivolidade doutras formacións que danan as institucións. Así, salientou o papel clave que tivo na superación das dúas crises máis graves que sufriu este país e na transformación de Galicia.

 

Feijóo salientou a contribución do PPdeG ao progreso da nosa comunidade, ao cambiar os indicadores negativos por positivos, ao poñer en marcha infraestruturas, oportunidades e servizos en toda a comunidade e ao ofrecer cada día máis prestacións aos galegos. E puxo en valor a Galicia de hoxe fronte á de 2009, ao ser a autonomía máis solvente de España e moito mellor preparada para acabar coas desigualdades e continuar diminuíndo o desemprego.

 

POLÍTICOS ÚTILES

O presidente dos populares galegos amosouse convencido de que a maioría dos galegos coinciden en que canto mellor irían as cousas en España se funcionaran como en Galicia, cun goberno que goberna. Así, Feijóo indicou que en política estase para ser útiles e asegurou que os cidadáns deixan de confiar nas institucións cando hai gobernos frívolos.

 

Tamén, fixo fincapé na capacidade do PP para sumar e tamén conectar coa maioría dos galegos: “Un partido aberto, que nin clasifica cidadáns en mellores ou peores nin impón un pensamento único”.

 

Por iso, reiterou que non se vai encontrar noutro partido o que se busca no PP, xa que é nesta formación onde está a defensa da unidade de España, da igualdade de todos os españois e do Estado das Autonomías. “No Partido Popular está poñer en valor o que nos une e non agrandar as diferenzas”, salientou Feijóo, para engadir que se pode ter unha idea global de España e tamén unha idea propia de Galicia. 

 

TRABALLAR PEGADOS AO CONCELLO

De cara as vindeiras eleccións municipais, o presidente dos populares galegos animou a seguir traballando cos pés na terra e pegados ao concello, porque é así onde se atoparán as solucións para os veciños.

 

Do mesmo xeito, avogou por seguir unidos, con ilusión e exercendo esta vocación de servizo con humildade e coherencia, para que ninguén, dentro de seis meses, teña que pasar os apuros de Pedro Sánchez cando lle recordan o que dicía hai seis meses.

 

RECUPERAR O IMPULSO DE CAMBRE E CULLEREDO

Durante a presentación de Izaskun García e Juan Abalo, candidatos ás Alcaldías de Culleredo e Cambre, o líder do PPdeG destacou o peso destes dous municipios na área metropolitana da Coruña que, tal e como destacou, precisa máis gobernos do Partido Popular para recuperar o impulso e a proxección que merece e contar así con mellores servizos e infraestruturas: “E para rematar dunha vez por todas co bloqueo ao que os someten os alcaldes de Cambre e Culleredo”.

 

Por iso, amosou a súa confianza en Izaskun García, para cambiar a deixadez e o pasotismo por traballo, gañas, ilusión e por converter Culleredo no concello que queren os veciños; e en Juan Abalo, para mudar o desgoberno e as continuas leas internas do Concello por un goberno estable e centrado unicamente nos seus veciños.

 

Síguenos nas redes sociais