O Parlamento solicita ao Concello de A Coruña a cesión de espazos no mercado de Santa Lucía para a construción do novo centro de saúde

19 Dic 2018
Santiago, 19 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención de En Marea, a través da que se solicita ao Concello de A Coruña a cesión dos espazos no mercado de Santa Lucía que se axusten ós requirimentos necesarios para facer un novo centro de saúde como solicitan os veciños, coa maior brevidade e garantindo as asignacións orzamentarias por parte da Xunta.
 
 
“Os veciños esixen un cambio de actitude do alcalde, que lles escoite e que colabore con lealdade coa Xunta, que pretende realizar un investimento importante nun barrio da cidade tan necesitado para mellorar os servizos, revitalizar o pequeno comercio e poñéndoo en primeiro nivel en canto á asistencia sanitaria”, sinalou o deputado popular Gonzalo Trenor.
 

 

 

Na súa intervención, Trenor subliñou que “os veciños defenden a necesidade de dispoñer dun espazo adecuado para construír o novo centro de saúde no actual edificio do mercado de Santa Lucia, xa que consideran que é a localización máis indicada para dar resposta ás necesidades dos residentes no barrio de Falperra, un espazo con fácil acceso e cunha comunicación directa e sen barreiras desde o exterior do edificio”.
 
 

 

Porén, criticou que “o alcalde non recibe nin escoita as reivindicacións e plantexamentos dos veciños, desprezando as máis de 3.200 sinaturas que amosaban a necesidade de acometer a reforma do actual mercado de Santa Lucía, os acordos do pleno municipal e os acordos adoptados neste Parlamento de Galicia con anterioridade”.
 
 

 

ÚNICO ALCALDE QUE BLOQUEA E OBSTACULIZA
 
 

 

Gonzalo Trenor cualificou de “absurdo o que está a acontecer en A Coruña, cunha administración que quere facer investimentos e mellorar os servizos que presta e un alcalde que está a poñer todos os obstáculos posibles”. “O señor Ferreiro é o único alcalde que bloquea e obstaculiza os investimentos no seu concello por parte doutras administracións, dándolle o mesmo que sexan infraestruturas que melloren o acceso á cidade, que se trate de plans ou equipamentos para impulsar o transporte colectivo, que sexa un centro de saúde ou un programa para axudar aos afectados polos desafiuzamentos”, subliñou.
 
 


O deputado popular lembrou que “os propios veciños teñen formulado cinco solucións ao Concello de A Coruña para a construción deste novo centro de saúde no barrio de Falperra, propostas que xa foron analizadas tecnicamente pola Consellería de Sanidade chegando á conclusión de que todos son válidos e viables”. “Queda demostrado que o único obstáculo para que este barrio dispoña dun centro de saúde moderno e funcional é Xulio Ferreiro”, lamentou.

Síguenos nas redes sociais