O Grupo Popular salienta que a Xunta está a poñer solucións á falta de profesionais sanitarios

20 Dic 2018
Santiago, 20 de decembro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, salientou hoxe no Parlamento que “a Xunta está a poñer solucións aos problemas de falta de profesionais na sanidade pública e agora é o Goberno central o que debe asumir os cambios lexislativos necesarios para tratar de dar resposta a este problema que afecta a toda España”.
 
 
Neste sentido, considerou incomprensible que “os grupos da oposición rexeiten as recentes medidas anunciadas pola Xunta, como a ampliación da idade de xubilación ata os 70 anos ou facilitar contratos estables de un a tres anos para médicos que rematen o MIR”.
 
 


Aurelio Núñez recoñeceu que “temos un problema serio na atención primaria, como tamén nalgún caso con certas especialidades hospitalarias, pero non soamente en Galicia, senón en todas e cada unha das comunidades autónomas”. A modo de exemplo, citou varias situacións acontecidas estes últimos días no País Vasco, Andalucía, Castela e León, Aragón, Estremadura, Madrid, Valencia ou Navarra.

 
 
EMPEÑADOS EN CONVERTER PROBLEMA NACIONAL EN GALEGO
 
 

 

Así, criticou que a oposición en Galicia “estea empeñada en converter un problema nacional nun problema exclusivamente galego”, porque “en realidade estamos a falar dunha falta de profesionais para cubrir as vacantes, tanto en medicina de familia como en pediatría”.
 
 

 

O portavoz popular salientou “as primeiras medidas adoptadas pola Xunta, e anunciadas onte mesmo polo Presidente, logo da reunión que celebraron cos profesionais, que van desde o incremento da idade de xubilación ata os 70 anos ata a creación da figura do director de atención primaria en todas as xerencias de saúde; un incremento salarial para 2019 do 2,25 por cento, a maiores do complemento da carreira profesional; a incorporación de enfermeiros especialistas en familia; e a negociación cos sindicatos para facilitar contratos estables, de entre un e tres anos, para os médicos que rematen a residencia MIR nos hospitais galegos”.
 
 


“Resulta sorprendente que, despois de demandar unha e outra vez a adopción de medidas que melloren a atención sanitaria en Galicia, se opoñan agora a estas accións co único obxectivo de manter a conflitividade e sacar réditos políticos, sen preocuparse de velar por optimizar a atención aos pacientes e usuarios da sanidade pública galega”, lamentou Núñez Centeno.

Síguenos nas redes sociais