O Grupo Popular salienta o compromiso do Sergas de restablecer a atención pediátrica nos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e Covelo

20 Dic 2018
Santiago, 20 de decembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo incidiu hoxe no Parlamento no “compromiso do Servizo Galego de Saúde de restablecer a atención pediátrica nos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario e O Covelo nas mesmas condicións nas que se viña prestando”. Ademais, apuntou que “tan pronto a pediatra se incorpore da súa baixa laboral, procederase de inmediato á convocatoria da praza para a súa cobertura polo procedemento regulamentariamente establecido”.
 
 

 

Neste sentido, Encarna Amigo concretou que “se durante o período de baixa da pediatra se puidera dispoñer de persoal substituto, o Sergas restablecería o servizo sen maior demora”.
 

 

 

PRAZAS MIR INSUFICIENTES
 
 

 

A deputada popular asegurou que “a Consellería é consciente do problema que se sofre coa pediatría a nivel nacional”, polo que xa ten demandado ao Ministerio de Sanidade que lle permita formar a máis residentes nesta especialidade, pasando das 20 prazas actuais a 26. “Estase demostrando que as prazas MIR que se convocan cada ano en Galicia en pediatría son insuficientes para a demanda asistencial que temos na Comunidade galega”, indicou.
 
 


Porén, salientou que “Galicia está en mellor situación que outras moitas comunidades autónomas na atención pediátrica, porque soamente o 12 por cento dos nenos galegos son atendidos por médicos de familia con experiencia e formación en atención pediátrica, fronte a unha media nacional que supera o 25 por cento”.

Síguenos nas redes sociais