Tellado pon en valor o modelo do PPdeG en 2018: crecemento, estabilidade, menos impostos e máis servizos

28 Dic 2018

28, decembro, 2018. O secretario dos populares galegos, Miguel Tellado, dixo esta mañá que o 2018 serviu para poñer novamente de manifesto que na nosa comunidade hai dous modelos que contrastan radicalmente: o do Partido Popular, de estabilidade, crecemento, menos impostos e máis servizos; e o da liorta interna das tres minorías da oposición. “Mentres Galicia camiña pola senda da estabilidade e o crecemento que caracteriza o Partido Popular e Feijóo, a oposición pecha 2018 máis débil, máis enfrontada e con menos proxecto para Galicia”, indicou.

O número dous do PPdeG cualificou o 2018 como “un ano intenso” para a formación, por vivir unha moción de censura contra o Goberno de Mariano Rajoy, un Congreso Nacional do que Pablo Casado saíu presidente e por ter xa designado a maior parte dos candidatos ás vindeiras eleccións municipais. Do mesmo xeito, salientou “as moitas reformas e programas fundamentais para a vida e o benestar dos galegos e galegas” que o Partido Popular, desde o Goberno galego, impulsou ao longo destes doce meses.

 

Así, Tellado fixo especial fincapé na política fiscal, con máis baixadas de impostos; na aprobación da maior oferta pública de emprego da década, con preto de 6.000 novas prazas para sanidade, educación e servizos sociais; na mellora das retribucións dos traballadores públicos autonómicos; no novo Plan de Transporte Público, con 1.500 liñas renovadas e coa gratuidade do servizo para os menores de 19 anos; na conxelación, por sétimo ano consecutivo, das taxas universitarias e a rebaixa dos máster habilitantes; no plan de conciliación e corresponsabilidade; que se complementa con máis das prazas en escolas infantís e co novo servizo das Casas Niño; no plan contra incendios, que foi decisivo para que este verán fose o de menos superficie queimada da última década. O número dous dos populares incidiu tamén no impulso do Goberno galego á formación, ao emprego e á innovación: “Investiuse en formar a 9.000 traballadores do sector da automoción; 5.000 da industria forestal e 8.700 do metal”.

 

De cara a 2019, o secretario xeral do PPdeG salientou que Galicia inicia o ano cos seus orzamentos aprobados, unhas contas que, tal e como indicou, teñen tres eixos: máis crecemento económico e emprego, máis e mellores servizos públicos e menos impostos e menos débeda pública. Fronte a isto, o número dous do PPdeG augurou para partidos da oposición un comezo de ano complicado: “Unhas Mareas de Podemos ao borde da implosión; un PSdeG en descomposición e cun suposto líder que lle ten medo ao Parlamento; e un BNG abrazado ás fraccións máis radicais do independentismo vasco e catalán”.

 

Aproveitou para recordar “o espectáculo lamentable” que as Mareas de Podemos levan protagonizando desde hai meses, con acusacións mutuas de pucherazo e manipulación de censos internos; con denuncias cruzadas ante a Fiscalía e a Garda Civil e tachándose uns aos outros de autoritarios e de pretender dar un golpe de Estado. “O que queda son dous bandos irreconciliables: o de Villares, que fracturou o seu partido en dous en apenas dous anos; e o dos alcaldes das Mareas, que perderon a batalla de tombar a Villares, un preludio do que lles pode acontecer nas eleccións de maio”. Neste senso, considera que a maior incógnita que queda por despexar é o tempo que falta para que se constitúa o Grupo Mixto no Parlamento.

 

Para finalizar, Tellado tamén tivo palabras para o socialismo galego, de quen dixo que é unha “sucursal do sanchismo” en Galicia: “Sen proxecto, sen discurso e sen máis programa que defender a lista de agravios que comete o Goberno central coa nosa comunidade”. “A prioridade do PSdeG –engadiu- é defender a Pedro Sánchez, aínda que o goberno castigue a Galicia e a deixe en mal lugar”.

Síguenos nas redes sociais