Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo reivindica o PPdeG como o partido que máis se parece a Galicia, fronte aos que demostran que Galicia non lles importa nada

02 Feb 2019

02, febreiro, 2019. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o PPdeG como o partido que máis se parece a Galicia, fronte ás demais formacións que demostran que Galicia non lles importa nada.

Así, durante o acto de presentación dos 313 candidatos, Feijóo indicou que hai partidos que, tendo a oportunidade de gobernar durante estes catro anos, non fixeron nada e só se centraron nas súas leas de partido; que pedirán o voto para Bildu e para Esquerra Republicana; ou que só gobernan para os seus socios e, mentres aos galegos lles baixa un 30% os Presupostos do Estado, a outros territorios sóbellos arredor dun 30%.

 

Fronte a partidos que cren que defender España é incompatible con defender Galicia, Feijóo salientou que no PPdeG quérese “unha Galicia que progrese para unha España que progrese; unha Galicia que creza para un España que creza; e unha Galicia máis grande para unha España máis grande”.

 

O PARTIDO QUE MÁIS SE PARECE A GALICIA

O presidente dos populares galegos volveu incidir na honra e no orgullo de pertencer ao Partido Popular. E é que, tal e como apuntou, desde os inicios do Estado Autonómico, o PPdeG demostrou ser unha formación de goberno, grazas á visión de país de Xerardo Fernández Albor; ao igual que demostrou, grazas a Manuel Fraga, que é compatible dar todo por unha autonomía co sentido de Estado.

 

Para Feijóo, “ningún partido fixo máis por España que o PP e ningún partido fixo máis por Galicia que o PPdeG”. Neste senso, salientou que a Galicia que construíu a súa autonomía constitucional, que progresou e que combateu a peor das crises, non é froito de ningún partido, senón dos galegos. Do mesmo xeito, dixo que, por ser unha formación que está sempre ao servizo dos galegos e que tenta ser un instrumento útil e poñer en valor o esforzo das familias, o PPdeG “é froito de Galicia, das galegas e dos galegos”.

 

Feijóo subliñou que o PPdeG, grazas a que é un partido feito e moldeado polos galegos, que avanza sempre ao seu carón e que sinte Galicia e España como o sente a comunidade; é o partido que máis se parece a Galicia: “Temos experiencia, traxectoria, xestión, estivemos nos momentos importantes da historia ou contribuímos ao progreso; pero o maior orgullo de ser do Partido Popular de Galicia é que somos o partido que máis se parece a Galicia”.

 

Dixo pertencer a un partido con principios e que, como Galicia, sabe aplicar o “puro sentidiño”; afastado do oportunismo, da intolerancia e da intransixencia; con argumentos, que prefire sumar e que defende sempre os intereses xerais. “Nós non necesitamos impoñer nada a ninguén, porque preferimos convencer”, destacou Feijóo, quen engadiu que se fai coa liberdade, con programas e equipos, con traballo e co compromiso aos concellos, a Galicia e a España.

 

OS CANDIDATOS DA GALICIA AUTÉNTICA

Ante un auditorio de preto de 2.000 persoas, Feijóo salientou que os candidatos dos 313 concellos representan “á Galicia auténtica”: ao rural, ás cidades, aos autónomos, aos empresarios, aos mozos, aos máis veteranos, aos que falan galego e aos que falan castelán. Tal e como indicou, os candidatos do PPdeG son os únicos que teñen a garantía de que se sabe a quen se vota: progreso, benestar, estabilidade, xestión, equipos, veciños, propostas, Galicia e España.

 

Dixo que, ao mesmo tempo que todos os partidos critican ao PPdeG, todos queren os seus equipos, os seus resultados na xestión e a súa presenza, programa e propostas en cada un dos concellos: “Poden imitar o que pensamos e como falamos –engadiu-, pero nin poden imitar todo o que fixemos nin poden copiar todo o que somos”.

 

Incidiu en que o PPdeG ten 313 candidatos ao servizo dos concellos e 313 equipos cos pés na terra, que coñecen Galicia, que aman España, que saben como facer que un concello funcione e sempre dispostos a escoitar as demandas dos veciños para convertelas en realidade. Candidatos, dixo, aos que nin os populistas nin os independentistas lles marcan a axenda; que non defenden que Galicia teña o peor orzamento do Estado de toda España; que non se presentan á reelección despois dun mandato enteiro de apatía, vagancia e decepción; que non van pasearse por Galicia pedindo o voto para Bildu e para Esquerra; nin que tampouco se presentan polo PPdeG porque ningún outro partido lle deu un cargo.

 

Por iso, para finalizar, incidiu en que o PPdeG ofrecerá o que demanda Galicia: eficacia, solvencia, proxectos razoables, diálogo, xestión, sentidiño, visión de conxunto e unidade.

Síguenos nas redes sociais