Tellado: "O voto ao PPdeG foi útil para mellorar o emprego, a economía e a industria de Galicia na última década"

22 Feb 2019

22, febreiro, 2019.  O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, nesta última década, os populares galegos demostraron con feitos que o voto ao Partido Popular de Galicia é útil para mellorar a nosa Comunidade, para fortalecer a nosa industria e mudar o noso modelo produtivo, e para facer crecer a nosa economía e crear emprego.

 

Como subliñou, nos últimos dez años, en materia de emprego Galicia recuperou aquel que se perdera durante a crise e mellorou a súa calidade; o paro baixou e as afiliacións subiron en todas as idades, en todas as provincias e en todos os sectores; temos máis emprego feminino -hoxe traballan 15.000 mulleres máis que hai dez anos-, máis emprego xuvenil -o paro caeu a máis da metade entre os menores de 30 anos-, e máis emprego indefinido para dúas de cada tres persoas ocupadas -a contratación indefinida baixaba hai un década un 23,9% e agora crece un 22%-.

 

Ademais, remarcou que creceron os salarios -incrementáronse un 14%, por riba do resto da media estatal, onde subiron un 8%-, e hai máis seguridade laboral, rexistrándose un 44% menos de accidentes no traballo que hai dez anos e sendo a sexta comunidade con menor índice de sinistralidade laboral.

 

No tocante á empresa e á industria, Tellado lembrou que se aprobou a Lei de implantación empresarial e a Lei do emprendemento para facer máis doado investir e crear emprego en Galicia, que hai menos impostos ao investimento -a Xunta prima nas súas axudas a 119 municipios declarados concello emprendedor, que bonifican ata o 95 % os seus tributos-, e que temos solo industrial máis barato -desde 2015 adxudicáronse 1,45 millóns de metros cadrados con bonificacións de ata o 50 % ou en dereito de superficie-.

 

Así mesmo, resaltou que Galicia é a quinta comunidade máis dinámica desde 2009 en creación de empresas e ábrese a sectores emerxentes como o aeroespacial ou a eólica mariña, ademais de poñerse en marcha a Axenda 4.0 para apoiar unha industria más competitiva e dixitalizada -desde 2014, máis de 7.000 empresas beneficiadas e 19.300 postos de traballo e máis de 750 millóns de euros mobilizados-.

 

Igualmente, o secretario xeral sinalou que case 30 multinacionais elixiron Galicia para desenvolver os seus proxectos de innovación e que as empresas galegas aumentaron o seu esforzo innovador un 20,2% -o maior incremento dos últimos dez anos e moi por riba da media de España (8,3%)-, engadindo que, grazas a todos estes esforzos, a nosa Comunidade foi en 2018 a segunda con maior crecemento do Índice de Produción Industrial -un 4,9% fronte o 0,8% da media española-.

 

Tras recordar que impulsaron á recuperación do sector naval a niveis precrise, tendo hoxe Galicia a metade da carteira de pedidos de España, e que deron solución o problema do tax lease; Tellado puxo en valor que esteamos entre as tres comunidades líderes en produción de vehículos e que a industria galega da automoción represente un 15,3% da fabricación nacional, sen esquecer que a nosa economía leva catro anos batendo o récord en exportacións e hoxe exportan case o dobre de empresas que en 2009. 

 

Por último, aseverou que, hoxe, ser autónomo é máis sinxelo que nunca e que este tipo de emprego é dos máis consolidados: seis de cada dez teñen unha antigüidade igual ou superior a cinco anos, sendo a comunidade con máis liñas de apoio aos traballadores por conta propia.

 

UNHA DÉCADA DE CAMBIO E MODERNIZACIÓN

Con motivo do décimo aniversario da primeira vitoria electoral de Alberto Núñez Feijóo, o número dous do PPdeG avanzou que os populares celebrarán un acto o próximo venres para homenaxear ao presidente e a todos os que fixeron posible “esta década de cambio e modernización de Galicia”.

 

Nese senso, e malia recoñecer que o panorama dos primeiros meses de 2009 distaba moito de ser favorable para o PP, que estaba na oposición na Xunta, no Goberno Central e en todas as cidades de Galicia; destacou que o partido logrou o que parecía imposible con máis ilusión, máis traballo e máis rigor ca ninguén. “O PPdeG conseguiu un triunfo mirándolle a cara a todos os galegos, nun momento no que os outros os miraban por riba do ombro; contándolles toda a verdade, cando outros gobernaban ocultándolla; e poñéndolles enriba da mesa solucións para todos, cando outros non deixaban máis que problemas”, aseverou. 

 

Segundo precisou, “o PP segue propoñendo un modelo de sinceridade na xestión, rigor, moderación e aposta polo crecemento san e ordenado, un modelo que hoxe é máis necesario e máis axeitado ca nunca para este país e que ten en Galicia un claro exemplo de éxito”, dixo mentres admitía que a nosa Comunidade foi “o primeiro chanzo dun cambio de tendencia, da recuperación a nivel nacional do noso partido, e de demostrarlle á xente que había outra maneira de xestionar mellor que a que os gobernos socialistas, mesturados co nacionalismo, propuñan”.

Síguenos nas redes sociais