O Parlamento aproba dirixirse ao Goberno central para que teña en conta os efectos perniciosos da suba das cotizacións á Seguridade Social dos traballadores do réxime especial do mar

22 Feb 2019

Santiago,  22 de febreiro de 2019.- O Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa do PPdeG na que se insta a Xunta a dirixirse ao Goberno central para que teña en conta os efectos perniciosos que a suba das cotizacións á Seguridade Social terá sobre o persoal inscrito no Réxime Especial do Mar e corrixa esta modificación legal deixando sen efecto esta suba dos abonos ou ben que outorgue novos dereitos e beneficios que compensen ese incremento.  

 

 

A voceira do Mar, Teresa Egerique, indicou na súa intervención que o Real Decreto, “que o Goberno aproveitou as vacacións de Nadal para sacar adiante, supón un imposto directo ao emprego, e sube as cotizacións aos traballadores do mar, dobrándoas na meirande parte dos casos, supoñendo un aumento importante do coste da Seguridade Social para as empresas do grupo de cotización do Réxime Especial do Mar”.
 
 

 

“Dende logo que nos sae caro o presidente Sánchez a todos os españois e, vistas as modificacións, ningún colectivo obtén melloras substanciais na reforma que xustifique ou compense a suba nos pagos a Seguridade Social” indicou Teresa Egerique.
 
 

 

“O que máis indigna -  continúa a deputada popular – é que se falase de que se excluirían as cotizacións para as embarcacións inferiores a 10 toneladas pero cando se acode á remisión ao proxecto de presupostos non se recolleu a exclusión que formulaban neste Real Decreto, co cal aos pescadores artesanais, as mariscadoras e aos percebeiros lle pasarían a dobrar este tipo de cotización” di a deputada popular.
 
 

 

Para Teresa Egerique con esta “brillante decisión dun Goberno breve e inestable súbese ao 7% o tope máximo das bases de cotización, sen ningunha contraprestación ao traballador, o que se une á subida das cotizacións mínimas nun 22%, e é, polo tanto, un decreto que sube os impostos ao traballo, que pagan tanto os empregadores coma os traballadores”.
 
 
 
A deputada popular puxo como exemplo que para un barco de cerco ou de arrastre, con 10 persoas, supón uns 500 euros máis ao mes e uns 6.000 ao ano, cuestión que haberá que deducir dos salarios toda vez que a maior parte dos barcos andan “á parte” e verán restrinxido o montante do que se reparte.
 
 


Con esta iniciativa –continúa a deputada popular- queremos reverter esta “afronta directa aos petos de empresas e traballadores que o goberno socialista regalou ao sector pesqueiro galego, nunha voráxine recadatoria, nun momento no que o sector ten que afrontar decisións da UE como son a política de descartes, que poden conlevar importantes perdas económicas”

Síguenos nas redes sociais