Feijóo sinala que dividir as forzas só dá máis posibilidades a Sánchez de repetir a unión con Podemos, nacionalistas e independentistas

22 Feb 2019

22, febreiro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, indicou que nas vindeiras eleccións xerais cada voto de centrou ou dereita que non vaia ao Partido Popular satisfará a Pedro Sánchez e aos seus socios. Así, incidiu en que dividir o voto é dividir as forzas e é darlle máis posibilidades a Sánchez de repetir a súa combinación con Podemos, nacionalistas e independentistas.

Por iso, salientou que España precisa dunha maioría ampla e que só o Partido Popular pode acadala porque é un partido amplo e de maiorías. De aí que, tal e como apuntou Feijóo, esta formación non quere ser unha minoría que complemente ou condicione un goberno, senón un “Goberno de maiorías e que goberne”. Do mesmo xeito, destacou que o PP é reformista, de centro dereita e que non se limita, porque é un partido grande para millóns de españois.

 

PECHAR A PARÉNTESE DO ABSURDO

O líder do PPdeG, que participou esta tarde na presentación dos candidatos das comarcas de Ulla-Umia e do Salnés, salientou que non foron os caprichos do destino, senón os do presidente do Goberno os que decidiron a cita coas urnas o 28 de abril, unha data na que se ten que pechar “a paréntese do absurdo que supuxo Pedro Sánchez para a historia de España” e que consistiu en querer estar no goberno a toda costa sen gobernar e en convocar as eleccións xerais nunha data diferente á das municipais.

 

Apuntou tamén que os comicios de abril servirán para iniciar unha nova etapa de estabilidade e gobernabilidade, cun goberno que unicamente se dea aos españois, na que Galicia se teña na consideración que se merece e para que no Goberno de España haxa un referente de sentido común.

 

Dixo que España se reporá deste tempo perdido e que o fará cun goberno do Partido Popular e con Pablo Casado á súa fronte. E salientou que é o momento de unir este país e defender a súa unidade; de reivindicar a Constitución e os seus principios; de traballar con rigor, seriedade e credibilidade para acadar a estabilidade e o progreso; e de que Galicia sexa tomada en conta e de que España se levante.

 

Para o líder do PPdeG, Pedro Sánchez xa colmou todos os seus obxectivos políticos –durmiu na Moncloa, viaxou no Falcon e acaba de publicar un libro-, polo que o que España precisa é un presidente do Goberno que teña por obxectivos a unidade do país, a liberdade dos seus cidadáns, o progreso e benestar dos españois, e que non se deba a ninguén máis que aos españois e que teña respostas en presupostos, economía, impostos, emprego, sanidade, educación ou servizos sociais.

 

Para rematar, recordou que Pedro Sánchez danou por tres veces a estabilidade de España: en 2015, negándose a aceptar a súa derrota e paralizando o país; en 2018, cunha moción de censura cuns socios que só queren desestabilizar, e no 2019, cun período electoral o dobre de longo do lóxico. Por iso, dixo que só o PP é quen de aportar unha alternativa estable e de xestión, polo que avogou por traballar para a volta da racionalidade ao Goberno central.

Síguenos nas redes sociais